En portadaÚltima horaVídeos

As pegadas do glaciarismo na Serra de Queixa, interpretadas por Augusto Pérez Alberti

Guiaba un percorrido por esta zona montañosa no marco das ornadas da Delegación Territorial da Sociedade Española de Ciencias do Solo de Galicia (SECS), que se celebraban na pasada fin de semana

 

Entre as actividades do programa das Xornadas da Delegación Territorial da Sociedade Española de Ciencias do Solo de Galicia (SECS), que se celebraban na pasada fin de semana co título “Os Solos da Terra de Trives”, incluíanse unha serie de percorridos pola Serra de Queixa, onde os expertos participantes tiñan ocasión de analizar diferentes puntos de solos, da man de Augusto Pérez Alberti, Xosé Luis Otero e María Santis.

Unha parada obrigada era o punto xeodésico no alto da Cabeza Grande de Manzaneda a +1782 m. Dende o banco-miradoiro do concello de Manzaneda, Augusto Pérez Alberti pudo dar explicacións dos procesos de glaciarismo e preglaciarismo do Macizo de Manzaneda, tanto na Serra de Queixa como nos Montes do Invernadoiro. Con glaciares conformados a unha altura menor (+800m) pero máis longos como o de Pradoalbar (Vilariño de Conso) ou os glaciares conformados entre os 1300 a 1500m das Forcadas, Requeixo e Castelo da Cerveira no concello de Chandrexa de Queixa.

Con todo unha das mellores expresións do glaciarismo está nas Lamas de Prada  en Manzaneda, resaltando que este municipio posúe outros glaciares como o do río San Lázaro, descuberto subindo do núcleo de Rozabales. Neste punto xeodésico, no alto da Cabeza Grande de Manzaneda, a +1782 m pode verse un glaciar rochoso, que tamén foi perfectamente interpretado en verbas do catedrático Augusto Pérez Alberti.

 

 

Foron 5 os perfís de solos analizados nas xornadas. O primeiro deles no concello de Manzaneda, na parte alta da ladeira da estación invernal, cunha descrición xeral do solo de depósito periglaciar que se instala sobre saprolita de granito

En segundo lugar, no concello de A Pobra de Trives abordábase o perfil situado na beira esquerda da estrada que sube á estación invernal, a un par de kms desta, cunha descrición xeral do solo de depósito coluvial sobre saprolita de granito. Logo, tamén na Pobra de Tives nunha pista forestal que conduce ao alto de Pesquerias, con descrición xeral do solo material granítico, alternando capas orgánicas e minerais.

Por outra banda, no concello de Manzaneda, un solo situado a beira dereita da estrada que descende dende a estación de montaña a Paradela, a uns 2 km da estación con carácter esquelético que evidencia fortes movementos en masa, asociados ao último periodo preriglaciar, a procesos de xeo/desxeo e presenza de moita neve.

E, finalmente, no concello de Vilariño de Conso, nunha chaira do val do Cenza, a uns 400 m augas abaixo do encoro do Cenza, cunha vexetación de matorral hidroturboso, con perfil asentado sobre substrato granítico.

Fotos e vídeo: Concello de Manzaneda.

Back to top button