En portadaÚltima hora

As rapazas do Rúa Valdeorras FSF, a un paso de proclamarse campioas de liga e ascender

Este sábado 11 de marzo ás 18 horas xogarán un importante partido ante o Verón no Pavillón Municipal da Rúa

Xogadoras do Rúa Valdeorras FSF, antes dun partido no pavillón da Rúa./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Este sábado día 11 de marzo ás 18 horas o Rúa Valdeorras Fútbol Sala Feminino enfrontarase no Pavillón Municipal da Rúa ao Verín.

Trátase dun partido moi importante para as pupilas de Roosendo Durán posto que dependen de si mesmas para ser campioas de liga e ascender. “Subiriamos a Preferente Galega Feminina F.S. polo que nun día como este, e o sábado máis que nunca, necesitamos o apoio da afección”, di a delegada do equipo Raquel Bautista, aproveitando a ocasión para “dar as grazas a toda a xente que nos apoiou durante toda a tempada, tanto aos patrocinadores como ao público que partido tras partido encheu as bancadas e cos seus ánimos tamén conseguiron que estes dous anos de traballo intenso vaian ter a súa recompensa”.

Así pois, a cita deportiva por excelencia deste sábado está no pavillón da Rúa, “tod@s de amarelo e animando a estas mozas porque o fútbol sala feminino de Valdeorras vai ter representación en toda Galicia para a tempada que vén”, convidan dende o club.

 

Artigos relacionados

Back to top button