ConcellosÚltima hora

As únicas praias galegas a 800 metros, na Veiga

Encoro de Prada, un dos paraísos do turismo náutico no interior galego
Praia do Coiñedo, no encoro de Prada (A Veiga).
Praia do Coiñedo, no encoro de Prada (A Veiga).

A Galicia interior posúe un fermoso litoral no que destacan engaiolantes paisaxes como a do encoro de Prada, no municipio da Veiga. Nel poden atoparse as únicas praias galegas a 800 metros de altura e tamén entornos singulares como o da illa de Prada. Esta masa de auga ofrece ademais multitude de posibilidades para os amantes do turismo náutico. Entre o abano de actividades que poden realizarse neste encoro veigués están as excursións en catamarán, o aluguer de piraguas para realizar paseos, as pedaletas acuáticas con tobogán, barcas de remos…

Ademais, neste verán A Veiga vén de reforzar as súas instalacións náuticas cun novo embarcadoiro na praia do Coiñedo, que se suma ao do areal dos Franceses. Nestas dúas zonas instalaranse puntos para contratar servizos relacionados coas actividades náuticas. Estas reservas tamén poderán facerse a través da oficina de Turismo da Veiga. Outra das novidades deste ano é a creación do “único sestódromo de Galicia” no Coiñedo, unha zona de relax con hamacas colgantes, ademais dunha cama elástica acuática.

A parte de desfrutar destas augas, os visitantes tamén teñen a opción de alugar bicicletas de BTT para percorrer a Senda Verde do Xares. Para os que prefiran o sendeirismo, A Veiga é tamén o destino ideal con multitude de rutas por lugares sorprendentes e de alta montaña. É o caso das que conducen a algunhas das lagoas glaciares máis relevantes de Trevinca, o teito galego.

Para achegarse á Lagoa da Serpe o punto de partida do percorrido sitúase en Ponte, dende alí hai que seguir unha pista forestal que leva directamente á lagoa, tras facer 6,8 km. Outra opción é a de visitar as Lagoas do Ocelo, Carrizais, a de Picos de Ocelo ou a da Laceira. Esta ruta discorre polo TECOR Montes de Xares. O visitante poderá atopar información sobre estas rutas na oficina de Turismo da Veiga.

Texto: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button