
Os descensos en bicicleta de montaña alcanzarán un nivel extremo esta fin de semana na Estación de Montaña Manzaneda. Nas súas instalacións reuniranse, os días 21 e 22 de maio, as novas promesas do downhill, unha das modalidades do ciclismo de montaña que consiste en descender o máis rápido posible por unha pista natural.
A paraxe ourensá será así a segunda parada do DHS Tour, dirixida a infantís e cadetes federados en 2022, entre 13 e 16 anos que poderán demostrar a súa habilidade sobre as dúas rodas. A proba que se celebrará esta fin de semana para as futuras promesas deste deporte extremo chega despois de que a Federación Galega de Ciclismo recuperase a primeiros de maio a Copa Galicia DH, con Manzaneda como escenario principal da competición e despois do parón obrigado pola pandemia.
A Estación de Montaña será tamén a sede deste evento deportivo noutras dúas ocasións: o o 17 de xullo e o 7 de agosto. Ademais, a primeira fin de semana de agosto terá lugar a MINI DH, evento infantil para a promoción de futuros bikers.