Co principal obxectico de encontrar novos camiños para o colectivo, a asociación “A Pantalla” presidida por Xesús Fariñas e Segundo Diz celebrará este sábado 18 de marzo, a primeira reunión do ano.
A xuntanza terá lugar no Museo Galego do Entroido (MuGaE) de Xinzo de Limia a partires das 16:30h. e un dos primeiros puntos dentro da orde do día é “a procura de xente que queira facerse cargo da asociación relevando a Fariñas e Diz dentro do colectivo”, explican dende o MuGaE, asegurando que “a necesidade de que as novas xeracións de Pantallas e Entroideiros recollan o traballo da asociación é crucial para esta nova etapa”. Na reunión tamén se falarán doutros temas de relevancia como posibles liñas de traballo a seguir dentro do próximo ano, ou unha actualización dos estatutos vixentes adaptándoos aos novos tempos, entre outros.
Dende a A.C. “A Pantalla” e o MuGaE fan un chamamento “a toda a poboación da comarca e arredores que teña interese na preservación, promoción e publicidade da figura da Pantalla e os seus ritos, e do Entroido Limián en si”, convidándoos a asistir e participar nesta asamblea xeral.