CulturaMúsicaÚltima hora

AMAVA afronta con enerxía un ilusionante 2025 no que seguir medrando como asociación

No 2024 a Asociación de Música Alternativa de Valdeorras acollía a formación de ata 9 grupos, ofrecendo máis de 40 actuacións dentro e fóra da comarca

The Green Angels no festival benéfico “Valdeorras por Valencia”./ Foto: O SIL.

 

Co fin de “promover a cultura musical na comarca de Valdeorras; proporcionar axuda e formación ás persoas que mostren interese musical e; organizar e participar en actividades culturais e musicais”, un grupo de mozos do Barco fundaba en abril de 2010 a Asociación de Música Alternativa de Valdeorras, AMAVA.

Tras anos con máis ou menos actividade, no ano 2023 lograba repuntar comezando unha nova etapa, chegando a 49 socios en activo de todas as franxas de idade, desde estudantes ata xubilados, resaltando que o número de estudantes incorporados a AMAVA é cada vez maior. Gran parte deles “busca un sitio onde poder expresar os seus coñecementos, exhibir as súas cualidades e interactuar con outros músicos nunha aprendizaxe continua”, explica o actual presidente, Ramón Teira González. El mesmo asegura que incluso lle solicitaron a incorporación de nenos por parte dos seus pais, “que infelizmente non foi posible debido á alta demanda do local de ensaio polo que se lle está buscando posibles solucións”.

 

Jam Session no Escondite Inglés da Rúa./ Foto cedida.

 

Seguindo a liña ascendente, no ano 2024 chegaron a formarse ata nove grupos (El Patio de Leni, The Green Angels, Mrs. Fine, Seika,…) ademais de numerosos socios que tocan e cantan individualmente ou que realizan colaboracións con outros grupos, ofrecendo “un total de 43 concertos en diferentes localidades da provincia e mesmo noutras Comunidades Autónomas, participando en eventos destacables coma o SilFest, o Terrason ou a entrega de premios da Cata de Viños de Valdeorras, chegando a crear o Festival AMAVA no marco da Feira de Produtos Tradicionais do Barco, no mes de setembro; amais de actuacións en numerosos locais de hostalaría e tamén en festas populares e actividades culturais e de ocio; ou no exitoso festival benéfico “Valdeorras por Valencia”.

Nese mesmo ano iniciaban unha Jam Session mensual aberta á participación de calquera músico, pertencente ou non á Asociación, para continuar fomentando a música na comarca; ademais de impartir dous cursos de manexo de mesas de mesturas e sonorización. “É importante o lazo creado coa hostalería local e comarcal que continúa contando connosco para fomentar a súa actividade tamén e que á súa vez nos apoian promovendo os concertos que se dan durante todo o ano”, destaca o presidente do colectivo, adiantando como “novidade extraordinaria”, o inicio dos traballos de mellora no local de ensaio de Calabagueiros, “instalando escumas absorventes nas paredes e teitos, e moqueta no chan para mellorar a sonorización, posible grazas á subministración dos materiais por parte do Concello do Barco de Valdeorras e grazas á colaboración dos socios por achegar a man de obra necesaria, demostrando a unidade fronte a un beneficio común”.

 

Mrs. Fine no Festival AMAVA./ Foto: A.R.

 

E xa de cara a este 2025 que vimos de estrear, dende AMAVA pretenden que a súa actividade continúe coa mesma enerxía, para o cal seguirán “dando concertos en diferentes puntos do pobo e da comarca ampliando fronteiras; contando con novos grupos que seguirán animando as prazas da nosa localidade; así como novos proxectos que farán que esta asociación siga sendo unha referencia para os músicos de Valdeorras”, adianta o presidente, lembrando que esta actividade require un gran esforzo en desprazamento de persoas e equipos “que sofren tamén un desgaste que implica reparacións, renovacións e melloras polo que agradecemos enormemente a colaboración que nos foi prestada por diferentes negocios, organismos e concellos”, desexando que “sigan contando connosco novamente, co fin de poder continuar coa nosa actividade e seguir crecendo”.

A primeira actuación terémola xa neste mes de xaneiro, no pregón da XXIII Festa do Botelo do Barco no Teatro Lauro Olmo, a cargo de Nerea Jiménez e Carlos Girona.

 

El Patio de Leni no SilFest Valdeorras./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button