Neste mércores e con motivo do Día Mundial do Autismo, ASTEAVAL (asociación en proceso de constitución en Valdeorras dedicada a apoiar ás familias das persoas con síndrome de Asperger e Autismo), súmase a esta conmemoración co obxectivo de “visibilizar a realidade de quenes viven con esta condición,
así como a das súas familias”.
O Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que se celebra cada 2 de abril, “é unha oportunidade para concienciar e sensibilizar á sociedade sobre os retos e desafíos aos que se enfrontan as persoas con autismo, así como promover a súa inclusión en todos os ámbitos da vida”, indican dende ASTEAVAL, explicando que neste senso, “a nosa asociación destaca a importancia, entre outras moitas cousas, do diagnóstico precoz e temperá, o acceso universal a recursos especializados e á construción dunha sociedade máis comprensiva e accesible”.
En liña coa iniciativa Ilumínalo de azul 2025 (Light it Blue 2025), dende o colectivo fan un chamamento formal a todas as Administracións públicas para que se adhiran a esta campaña internacional, á que xa se uniu o Concello do Barco iluminando a fachada da Casa Consistorial. “Con esta petición buscamos sumar e unir esforzos en aras de visibilizar a causa e demostrar o compromiso social coa inclusión das persoas con autismo”, din, aproveitando esta efeméride para presentarse e facerse visibles á comunidade.

ASTEAVAL (Asociación de Asperger e Trastornos do Aspectro Autista de Valdeorras) nace coa vocación de “ser un espazo de apoio, información e defensa dos dereitos das persoas con Asperger e Autismo, así como das súas familias. O noso obxectivo é crear unha rede de apoio onde compartir experiencias, ofrecer orientación e promover iniciativas que melloren a calidade de vida de quenes conviven con algún trastorno do espectro autista (TEA)”, explican, convidando a “todas as familias, profesionais, persoas e entidades –tanto públicas como privadas- interesadas na causa, así como a colaborar, a poñerse en contacto connosco e a unirse á nosa labor pois xunt@s, podemos construír un entorno máis inclusivo e comprensivo para as persoas con Autismo”.
Contacto: asteaval@gmail.com / teléfono provisional: 988 095 317.

Fotos: Mónica G. Bellver.



