Na súa segunda asemblea xeral como presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), José Manuel Pérez Canal, amosábase lixeiramente optimista, “pero sen triunfalismos”, sobre a coxuntura económica xeral e tamén da provincia de Ourense. No seu discurso neste acto, que tiña lugar na tarde do 10 de xullo en Ourense, subliñaba o papel das exportacións á hora de soportar os efectos da crise na economía ourensá e apostaba polo apoio decidido á formación e ao emprego dende distintos frontes para mellorar a competitividade e a produtividade. Como principais instrumentos citaba a innovación e o emprendemento, aos que a CEO “deu gran importancia” ao longo do último exercicio. Ademais anunciaba o máximo esforzo “para mellorar o mercado de traballo”.
A necesidade de mellorar as infraestruturas da provincia foi outra das cuestións que plantexou na súa intervención. En concreto reclamaba a finalización do AVE sen máis dilacións que as xa asumidas, así como a realización da A-76 e a A-56, vías que considera “accesos vitais para a provincia”. Outros dos aspectos que resaltaba era a importancia da cooperación transfronteiriza e da internacionalización da actividade, así como á colaboración coa Universidade.
Nesta asemblea contouse coa presenza do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Fernández Alvariño e do presidente da Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías e da Información e o acto de clausura corría a cargo da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, quen sinalou que un dos eixos principais do seu departamento é “apoiar o traballo que desenvolven os emprendedores” e, por iso, destacou que este ano se están a destinar 7,9 millóns de euros para incentivar a contratación indefinida de 2.400 persoas desempregadas en empresas galegas. Explicou asemade que esta liña de axudas ten como principal novidade neste exercicio dous programas para mozos e mozas, que están incluídos no Plan de Emprego Xuvenil: un para incentivar a contratación de formación e aprendizaxe para menores de 30 anos que carezan de cualificación profesional, e outro para a contratación temporal de menores de 30 anos.
Fotos: Carlos G. Hervella