AletismoDeportesÚltima hora

Asfaval participará este domingo nos 26 Xogos Autonómicos de Atletismo de Special Olympics Galicia

Celebraranse nas pistas do Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei do Pereiro de Aguiar a partir das 10:30 horas

 

As pistas do Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei do Pereiro de Aguiar, acollerán este domingo 19 de abril a 26º edición dos Xogos Autonómicos de Atletismo para persoas con discapacidade intelectual organizados por Special Olympics Galicia. O evento conta coa colaboración de FADEMGA Plena Inclusión Galicia, da asociación As Burgas, do Concello de Pereiro de Aguiar e da Deputación de Ourense.

O Concello do Pereiro de Aguiar acollía a presentación desta xornada deportiva por parte de organizadores e colaboradores. Abriu o acto como representación municipal o concelleiro de Deportes Francisco González Fraga, quen afirmou que era gratificante que a través de actividades deportivas como este campionato de atletismo se loitase pola inclusión. A entidade anfitrioa social, As Burgas, estivo representada polo seu director Modesto González de Padua e dous deportistas, Francisco J. Sousa Tesouro e Bruno Seara López. González reivindicou o nivel de avance que simbolizaba que se chegara á 26 edición. Manuel Pérez González, xefe do Servizo de Deportes da provincia de Ourense, destacou que era un orgullo para a Xunta seguir apoiando a Eladio e a todo o equipo de Special Olympics Galicia nestas competicións e engadiu que o evento do domingo sería “un éxito e unha festa do deporte”.

O presidente de S. O. G Eladio Fernández Pérez agradeceu a todas as institucións representadas a súa colaboración pola visibilización das persoas con discapacidade intelectual e resaltou o esforzo e a superación que demostran os deportistas Special Olympics ao tentar manter a súa estabilidade e o ritmo durante as probas. Luís Menor, alcalde de Pereiro de Aguiar e presidente da Deputación de Ourense, asegurou que chegar a esta 26ª edición dicía moito da capacidade de implicación, convocatoria e organización do equipo que conforma S.O.G. e que era unha honra que se escollese o Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei como escenario para levar a cabo os Xogos de Atletismo. “Representan moito máis que unha competición deportiva, xa que son un espazo de convivencia, superación e visibilidade, no que se pon de manifesto o talento, o esforzo e a ilusión das persoas participantes”, dixo Menor, destacando a importancia da colaboración institucional para facer posible esta cita. “Este é un exemplo de que cando as administracións e o tecido asociativo traballan da man, conseguimos iniciativas que realmente transforman vidas”, afirmou.

 

 

Os 169 deportistas, acompañados de 45 adestradores, competirán en carreiras de velocidade, medio fondo, fondo e relevos, ademais de probas de salto de lonxitude e lanzamento de peso. Tamén acudirán voluntarios de As Burgas, árbitros da Federación de Atletismo, equipos de emerxencias e membros de Special Olympics Galicia, reunindo a 262 persoas que buscan a inclusión das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte e do lecer.

Participan 12 entidades sociais de toda Galicia das que proceden os participantes inscritos nestes 26º Xogos Autonómicos de Atletismo: 2 da provincia da Coruña (Aspas de Santiago e Apader de Cedeira), 4 de Ourense (As Burgas de Barbadás, ADO de Ourense, Asfaval do Barco de Valdeorras e Aspanas de Ourense), 3 de Pontevedra (CAPD Redondela de Chapela, San Francisco de Vigo e Con Eles de Vilagarcía) e 3 de Lugo (CAPD de Sarria, San Vicente de Paul de Lugo e Prodeme de Monforte).

A programación prevista nas pistas do Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei comezará ás 10 horas coa concentración de participantes e ás 10:45 horas o acto inaugural por parte do grupo de autoridades, e que seguirá a partir das 12 horas co inicio das diferentes competición que se estenderán ata a clausura prevista para as 19 horas. Todo baixo o lema dos deportistas de Special Olympics Galicia, “Quero gañar, máis se non o acado, deixádeme ser valente no intento”.

 

Back to top button