Logo de varias reunións no mediodía deste xoves 1 de agosto asinábase na sede do Clúster da Pizarra o novo convenio laboral da lousa. Un documento rubricado pola patronal e por UXT que terá unha vixencia de 3 anos (2024, 2025 e 2026) co incremento total do 11%. “O primeiro ano o 4%, o segundo o 3,5% e o terceiro o outro 3,5%”, tal como explica o secretario xeral da FICA-UXT Galicia, Javier Carreiro.
“Cremos que é una suba salarial importante, xa que se trata dun convenio que tiña unhas subas moi baixas historicamente e este ano fomos capaces de cambiar ese teito, o que supón tamén recuperar poder adquisitivo que se perdera no convenio anterior polo disparado do IPC”, di Carreiro, explicando que segundo os útimos datos “o IPC avanzado do mes de xullo fala dun 2,8, co cal se se manteñen os IPCs previstos imos recuperar entre 3 e 4 puntos de poder adquisitivo na vixencia deste convenio”.

Con todo, o máis valorado dende UXT “é que por fin conseguimos meter a incapacidade por accidente laboral ao 100% a partir do día 20, algo positivo para os traballadores e traballadoras do sector”, di Carreiro. No tema da enfermidade profesional mantense tal como está, o 90%. “Sabiamos que a patronal quería reducir iso e fomos capaces de mantelo”, di adiantando que na enfermidade común “hai un pequeno cambio e pasamos ao 90% a partir dos 120 días, unha maneira de fomentar un pouco máis de estabilidade no sector”.
Fotos O Sil.