Galerías de fotosÚltima hora

Ata 20 pinchos diferentes na VII Ruta “O Barco vai de Viños”

Celebrarase do 12 ao 22 de xaneiro e nela participarán unha vintena de locais de hostalaría da vila

A Praza de Abastos do Barco era o lugar escollido para presentar a sétima edición da VII Ruta de Pinchos que promoven O Barco Centro Comercial Aberto (CCA), a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) e o Concello do Barco. Esta cita gastronómica desenvolverase do 12 ao 22 de xaneiro nesta vila valdeorresa.

Sobre unha mesa expoñíanse os vinte pinchos “estrela” diferentes que, ao prezo de 1,5 euros, poderán degustar noutros tantos locais as persoas que se sumen a esta ruta gastronómica que en anteriores edicións ten colleitado un gran éxito e participación.

“Como novidade nesta sétima edición pedirase aos clientes que valoren os pinchos. Para iso, nos boletos de participación no sorteo inclúese un apartado no que poderán poñer o nome do establecemento que, segundo o seu criterio, teña elaborado o mellor pincho”, comentaba a presidenta do Barco CCA, Sandra Moldes, durante a presentación, na que estivo acompañada polo alcalde do Barco, Alfredo García, pola concelleira de Comercio, Irene Dacal, e tamén por varios hostaleiros participantes na ruta.

 

Establecementos participantes na ruta xunto cos pinchos que servirán nesta edición.

Ademais resaltaba que, de novo, nesta ocasión as persoas que fagan a ruta poderán entrar no sorteo de catro ceas para catro parellas. “Nos establecementos haberá tamén boletos de participación que os clientes deberán selar como mínimo en cinco establecementos nos que consuman o pincho, esixíndoselle o selo de, cando menos, un local de cada unha das tres zonas nas que está estruturada a ruta”, comentaba Sandra Moldes. Ese boleto, unha vez selado, terán que depositalo nas urnas que se instalarán en cada un dos locais de hostalaría ata o 24 de xaneiro. O sorteo farase o 27 de xaneiro.

As empresas que doaron as ceas do sorte son: Adegas D’Berna, Distribuciones Anger Valdeorras, Distribuciones Roca e Exclusivas Morales. “Aproveito para gracecer publicamente a todas elas a súa colaboración nesta VII Ruta”, engadía a presidenta do Barco CCA. Tamén agradecía a “implicación do Concello do Barco” na organización desta iniciativa, así como aos establecementos hostaleiros a súa participación posto que “cada ano van sumándose en maior número”.

Pola súa banda, a concelleira de Comercio do Barco, Irene Dacal, pedíalle os hostaleiros que, un ano máis, se volquen nesta ruta, que tivo nas anteriores edicións unha excelente acollida, ata o punto de esgotar os pinchos.

Fotos: Ángeles Rodríguez.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button