As pequenas e medianas empresas, autónomos e entidades de economía social galegas poden solicitar ata o vindeiro 17 de agosto as axudas do programa “Reactiva comercio e servizos seguros”. AConta con achegas de ata 3000 euros para implantar nos negocios medidas de protección fronte ao Covid-19, co obxectivo de facilitar a volta á actividade dos sectores do comercio, o turismo, os servizos e o transporte en condicións de confianza para os consumidores.
Os apoios cobren os gastos tanto das medidas que se implanten agora como das xa realizadas desde a declaración do estado de alarma, mediante unha tramitación rápida e sinxela, que inclúe a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos investimentos realizados.
Así, os establecementos comerciais, empresas do sector turístico e salóns de peiteado de menos de 10 traballadores poden obter apoios polo 100% das medidas activadas, desde 300 a 1200 euros. Por outro lado, as pemes de menos de 50 traballadores tanto destes sectores como do transporte, os servizos e as actividades profesionais poden beneficiarse de apoios directos do 80% do custo nas medidas de seguridade precisas, desde un mínimo de investimento de 1500 euros ata un máximo de 3750, sendo polo tanto a axuda máxima de 3000 euros.
Cunha dotación total de 16 millóns de euros, nesta iniciativa colaboran as consellerías de Economía, Emprego e Industria; Cultura e Turismo (no marco do plan Galicia destino seguro); e Infraestruturas e Mobilidade. As axudas poden destinarse á adquisición de equipos de protección individual e de desinfección; a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade e redución do contacto entre persoas; a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta á disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección.