No decurso da quinta reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), que estivo presidida neste martes polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acordábase que non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de xuño.
“Deste xeito amplíase a orde que estaba marcada ata finais deste mes de abril. Ademais, ao manterse pechada a rede de oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego, amplíanse os servizos que están a disposición da cidadanía para a súa atención de maneira tanto telefónica como telemática e para a realización dos trámites urxentes. En concreto, habilítase un novo formulario web para a tramitación de altas iniciais e amplíanse os servizos para a reactivación da demanda a través da Oficina Virtual de Emprego Galicia”, segundo a Xunta de Galicia.