DeportesFútbolÚltima hora

Atlético Sobradelo-Éntoma FC, 50 anos de amizade e compañeirismo

Algúns dos xogadores que disputaron ese histórico partido nas festas de Sobradelo, volvían xuntarse neste 2023, nesta ocasión nun xantar

Asistentes ao “encontro gastronómico” no Mesón Museo de Sobradelo./ Foto cedida.

 

O 29 de abril de 1973, no marco das festas de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), disputábase un partido de fútbol entre o Atlético Sobradelo e o Éntoma FC. Foi un partido histórico que vencían os de Sobradelo e no que se forxaron amizades que aínda perduran. Por iso, 50 anos despois algúns deses xogadores, compañeiros e amigos decidían lembrar a efeméride, cambiando o campo polo restaurante, a terra polo mantel e o balón por un bo xantar e mellor conversa.

No mediodía do venres 11 de agosto o Mesón Museo de Sobradelo acollía un “encontro gastronómico” conmemorativo do celebrado medio século atrás no campo de Os Pinos (Sobradelo), o último domingo do mes de abril. “A animación nas festas era máxima, con grandes orquestras, actividades deportivas e o prato forte delas un derbi: un partido de fútbol entre Éntoma e Sobradelo”, contaba na crónica Isidro García Tato, un dos membros do equipo da casa.

 

Atlético Sobradelo (1973)./ Foto cedida.

 

“Os da capital do imperio reuniron o mellor equipo posible, internacional onde os houbese, con tres  xogadores de Quereño, un do Puente, outro de Viladequinta e un mozo de étnia xitana, mesmo un francés e cinco rapaces do pobo. Os de Quereño foinos buscar Goyo ao timón dun Mercedes, último modelo como correspondía á categoría dos presuntos futbolistas, para arrancar o xogo cara ás 6 da tarde”, lembra García Tato, destacando que fora un partido de grande rivalidade, coma todos ao uso naquela época, na que a honra se defendia en calquera ocasión. “Na historia desta comarca houbo dúas datas especialmente sinaladas: 1809 a Guerra da Independencia e 1973, este mítico e máxico partido”.

 

Éntoma FC (1973). /Foto cedida.

 

Seguindo a crónica de Isidro García descubrimos que á fronte dos locais Gabriel procuraba que todo estivese en orde. “A práctica resultaba sinxela: un catro, tres, tres flexible segundo o devir do xogo. Goio, o porteiro, ben escoltado por catro escudeiros: Mino, Toni, Manolo e máis eu. De aí ninguén pasaba de balde. Ou balón ou rival. Gardaba o fortín na liña de medios con Fernando, Negrín e máis Paco Barba, que con tales nomes o cerroxo semellaba ben defensivo, polo que os de arriba só terían que atacar ao rival sen máis preocupación que facer dano no marcador. Non en van alí estaban os dianteiros: Pepín, Vergara e Toño Castro, dos Porrois de Quereño. Todo transcurría con rivalidade e certo equilibrio ata que os locais lograron perforar a rede (imaxinaria, claro está) dun espetacular cabezazo”. Logo empataría o Éntoma pero “asomaba o final do encontro cando Manolo Vergara, dun certeiro disparo mandou as ilusións entomesas ao chan”.

Nesa ocasión era Sobradelo quen se levaba a vitoria pero no encontro disputado neste 2023, o resultado foi sen dúbida o empate, sen lesións e coas lembranzas, as anécdotas e as risas por goles. Ademais do xantar e o brinde polos presentes e tamén polos ausentes, cada un dos participantes levou como recordo un folleto dunhas 50 páxinas nas que xunto ás fotos, había un relato polo miúdo do partido e un resumo amplo da historia tanto de Sobradelo coma de Éntoma dende a prehistoria ata hoxe.

Artigos relacionados

Back to top button