
Esta mañá o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, presidía a xunta directiva provincial do partido, nunha xuntanza que servía para para valorar os resultados obtidos este domingo nas eleccións municipais. “Crecemos en número de votos, en número de concelleiros e en porcentaxe de apoios”, resaltaba Baltar, que tamén incidiu nas 60 vitorias -51 maiorías absolutas acadadas e 9 maiorías relativas-, e con “posibilidade de aumentar o poder territorial”. Tamén sinalaba que “acadamos doce deputados provinciais, faltando 154 votos no Partido Xudicial do Ribeiro para acadar o deputado número 13 que daría a maioría absoluta”
En clave municipal, o líder provincial do PP destacou a maioría absoluta acadada por César Fernández en Ribadavia, definíndoa coma un “modelo do exemplo de traballo municipal do PPdeOU”, ademais de sinalar o éxito dos liderados consolidados “dun xeito maioritario polos seus veciños” en concellos referentes de toda a provincia, como San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Lobios, Bande, Boborás…
Ademais felicitaba “a todos os compañeiros do PPdeOU pola gran campaña realizada” e poñía en valor os sobresaíntes datos de apoio: “En máis de metade dos concellos ourensáns -51- acadamos maioría absoluta e ata en 27 concellos sumamos máis dun 70% dos sufraxios -en 2019 foron 14”
Valoración da convocatoria anticipada das eleccións xerais
En relación coa convocatoria adiantada das eleccións xerais, o presidente do PPdeOU sinalou que o Partido Popular de Ourense “está preparado para encarar estas próximas eleccións xerais do 23 de xullo. Se hai unha formación coa maquinaria perfectamente engraxada é o PPdeOU. Contamos coa dinámica perfectamente preparada. Encaramos con moita forza e garantías o camiño para que o vindeiro 23 de xullo, o ourensán Alberto Núñez Feijóo sexa elixido como o próximo presidente de España”.