PolíticaÚltima hora

Baltar pon o foco nas municipais de 2019 “para conseguir os mellores resultados electorais”

O presidente provincial afirmou que o obxectivo do PP será ter ao longo do próximo ano aos candidatos das 92 listas populares da provincia

O Partido Popular de Ourense celebrou onte a última xunta directiva do ano. Tras a xuntanza, o presidente do PP ourensán, Manuel Baltar dixo o seguinte: “non nos imos pasar o 2017 sen poñer todo a punto e comezar a traballar para conseguir nas municipais de 2019 os mellores resultados electorais na provincia”. Na súa intervención, Baltar afirmou que o seu obxectivo da formación será ter ao longo do próximo ano aos candidatos que encabezarán as noventa e dúas listas populares da provincia para os comicios locais.

Os resultados electorais alcanzados este ano, engadiu o presidente provincial, “son froito dun traballo moi importante, da previsión e da planificación de todo o partido, non de nomes nin persoas en singular”, o que segundo dixo é o mellor punto de partida para a cita coas urnas dentro de dous anos.

A falta de 890 días para os comicios municipais, Manuel Baltar lembrou que o PP é “unha formación dinámica e moi activa con independencia das convocatorias electorais”, sinalando que haberá catro xornadas de formación para cargos públicos, actividades na organización xuvenil Novas Xeracións e que se proseguirá coa campaña de afiliación.

Nesta reunión da Xunta Directiva interviñeron tamén o deputado Miguel Viso, a senadora Miri Barrera e o parlamentario Miguel Santalices, encargados de informar das distintas responsabilidades de áreas de traballo nas que participan os representantes ourensáns nas respectivas cámaras.

Viso, Barreira e Santalices coincidiron en destacar a importancia que ten a representación dos deputados, senadores e parlamentarios ourensáns nestes órganos, pero sobre todo o seu labor como nexo de conexión entre as prioridades e demandas da provincia cos respectivos gobernos.

Artigos relacionados

Back to top button