Eleccións Xerais 2023PolíticaÚltima hora

O PP proporá a Manuel Baltar e a José Manuel Rey como senadores en representación por Galicia

 

O Grupo Popular proporá a José Manuel Rey Varela e José Manuel Baltar Blanco como senadores en representación da Comunidade galega, que se sumarán aos 12 que foron elixidos nas eleccións xerais celebradas onte. A súa elección terá lugar no Pleno extraordinario que se celebrará o vindeiro venres, 28 de xullo.

José Manuel Baltar Blanco é licenciado en Dereito e funcionario do Corpo Superior de Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre os anos 1998 e 2001 foi delegado provincial en Ourense da Consellería de Agricultura e Política Agroalimentaria. Entre os anos 2001 e 2012 foi deputado no Parlamento de Galicia, chegando a exercer como vicepresidente 1º da Mesa ao longo da VIII Lexislatura.

O 6 de febreiro de 2012 foi elixido Presidente da Deputación Provincial de Ourense, cargo que deixou o pasado mes de xuño unha vez celebradas as eleccións municipais.

Desde o ano 2000 é membro da Xunta Directiva Provincial do Partido Popular de Ourense e desde 2001 forma parte da Xunta Directiva do Partido Popular de Galicia. En 2010 foi elixido Presidente do PP de Ourense, responsabilidade que segue ostentando na actualidade.

Ata agora foi tamén membro da Xunta de Goberno da FEMP; presidente de Partenalia (rede europea de gobernos provinciais); e da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA), e vicepresidente da CEPLI (Confederación Europea de Poderes Locales Intermedios.

José Manuel Rey

José Manuel Rey Varela é licenciado en dereito e especialista en Liderado de Xestión Pública polo IESE Business School. No ano 2002 entrou na Corporación Municipal de Ferrol, converténdose no concelleiro máis novo e asumindo a Portavocía adxunta do Grupo Municipal Popular. Foi concelleiro de Facenda, Patrimonio, Emprego e Xuventude durante o mandato popular 2003-2007 neste concello e deputado provincial en A Coruña entre 2007 e 2011.

Foi alcalde de Ferrol e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) entre 2011 e 2015, ano no que foi nomeado conselleiro de Política Social da Xunta e onde permaneceu ata 2018. Nas pasadas eleccións autonómicas de 2020 foi elixido deputado no Parlamento de Galicia, cargo que deixou o pasado mes de xuño para tomar posesión como Alcalde de Ferrol. Tamén é presidente do PP de Ferrol.

Artigos relacionados

Back to top button