OurenseÚltima hora

Baltar propón en Bruxelas a xestión directa dos fondos europeos polas deputacións

 O presidente da Deputación analizou co presidente do Comité das Rexións, Karl Heim Lambertz, o protagonismo das deputacións e as políticas de investimento da UE

O presidente da Deputación de Ourense e vicepresidente de Partenalia –asociación europea de gobernos provinciais-, Manuel Baltar, propuxo hoxe, 6 de febreiro en Bruxelas a xestión directa dos fondos europeos por parte dos gobernos provinciais. Na reunión que mantivo co presidente do Comité das Rexións, Karl Heim Lambertz, analizou a situación futura das políticas de investimento da UE para municipios e provincias, un encontro celebrado na sede do Comité das Rexións, onde Baltar e Lambertz concordaron na importancia da “Alianza pola Cohesión”, unha coalición de territorios de Europa cuxo obxectivo é fortalecer as políticas de orzamentos que a Unión Europea destina ao ámbito local.

Esta circunstancia cobra especial relevancia nun momento no que Europa está a analizar o novo horizonte dos fondos europeos máis aló do ano 2020, unha política de cohesión que, como pretende a Alianza pola Cohesión, poña en marcha investimentos a longo prazo para que as rexións de Europa apoien o crecemento e o emprego a nivel local.

Manuel Baltar, quen participou hoxe no Comité das Rexións como relator na Conferencia sobre “Política de cohesión”, defendeu “que se recoñeza o papel dos gobernos locais intermedios como xestores directos de fondos europeos estruturais no marco da Política de Cohesión”, e avogou porque a UE “teña en conta as especificidades de municipios, provincias e rexións no desenvolvemento territorial sustentable e económico máis aló do 2020”. “Trátase –expresou- de simplificar procedementos, incrementar a eficiencia na xestión dos fondos, ter máis proximidade coa cidadanía e maior igualdade territorial, e unha mellor comunicación sobre os beneficios da UE na vida dos cidadáns”.

Xunto a Manuel Baltar participaron na conferencia o presidente do Comité das Rexións, Karl Hein Lambertz; o presidente da Confederación Europea de Autoridades Locais Intermedias, Paul-Emile Mottard, e representantes de gobernos provincias de Francia, Bélgica e España, e da Asociación Arco Latino.

Sinatura da Alianza pola Cohesión

O presidente do goberno provincial afirmou que como defensores dunha política de cohesión xusta, hoxe a Confederación Europea de Autoridades Locais Intermedias (CEPLI) e a Deputación de Ourense “asinaremos a Declaración da Alianza pola Cohesión, para que os nosos territorios contribúan a crear unha Europa máis forte, eficaz, visible e accesible a todos os niveis territoriais”.

A #CohesionAlliance engloba a 80 organizacións e máis de 700 signatarios das principais asociacións europeas de cidades e rexións, que avogan porque o orzamento da UE posterior a 2020 permita que a política de cohesión alcance a todas as rexións da Unión.

Neste sentido, Manuel Baltar dixo que hoxe “alzamos a voz para que se tomen en conta os criterios específicos vinculados ás necesidades e particularidades provinciais no próximo mecanismo de asignación”, e lembrou as palabras de Castelao para definir a reivindicación das provincias de Europa: “A loita nobre e leal das ideas é o que asegura o progreso; iso é o que defendemos para progresar cara unha maior integración de todos os niveis de goberno no próximo período de programación da Política de Cohesión”. “Cada quilómetro cadrado de Europa debe sentirse protagonista deste momento histórico –remarcou-. De aí que reivindiquemos o papel das administracións públicas que xestionan o más próximo, e no caso de España os gobernos provinciais, con máis de 180 anos de historia, auténticos protagonistas da configuración actual do Estado”.

A Europa 2050

Manuel Baltar destacou que as deputacións “son as administracións á vangarda da loita contra o despoboamento rural, que reforzan o territorio e propician desenvolvemento económico e un mellor marco de vida para os cidadáns”. E puxo como exemplo o último informe da Red Localis e do Observatorio Municipal Galego, presentado na Deputación de Ourense, onde os autores dos informes, os profesores Santiago Lago e Alberto Vaquero, lanzaron a proposta “de situar á provincia de Ourense como laboratorio Europeo das Políticas Sociais, pois Ourense reúne hoxe as características socioeconómicas que debuxarán a Europa de 2050; e para preparar a resposta das administracións públicas a tal situación, a UE conta cunha realidade como a de Ourense, onde ensaiar políticas públicas que vaian na boa dirección”.

Baltar afirmou que Europa debe recoñecer que a xestión a nivel rexional “provoca unha asignación desigual, o que se traduce en que os fondos non cheguen como deberían ata as provincias periféricas”, polo cal defende que a política comunitaria “necesita dunha maior identificación cos cidadáns, que deben comprobar directamente as vantaxes da Unión Europea para que desaparezan as sensacións de grandes aparatos burocráticos onde a política real non é percibida sobre o territorio”.

Finalmente, Manuel Baltar resumiu as claves da fortaleza dos gobernos locais intermedios para xogar un papel fundamental na Política de Cohesión: simplificación no acceso aos fondos estruturais; incremento da eficiencia na xestión de ditos fondos; proximidade aos cidadáns; subsidiariedade e xestión integrada; igualdade territorial e de oportunidades, e mellor comunicación sobre os beneficios da UE na vida dos cidadáns.

 

Artigos relacionados

Back to top button