En portadaGalerías de fotos

Baltar, reelixido presidente da Deputación de Ourense

Dos 25 deputados que forman parte da nova Corporación provincial, 17 son novos

“Son ourensán e creo en Ourense. Creo de crer e creo de crear, dous verbos básicos no debuxo da provincia ambiciosa na que vos convido a participar”. Con esta mensaxe comezaba e remataba Manuel Baltar o seu discurso tras ser investido por segunda vez como presidente da Deputación de Ourense. Era a mesma que lanzaba cando se estreaba no cargo, hai 1.253 días, como el mesmo recordaba. Na mañá do 14 de xullo Baltar lograba facerse de novo co bastón de mando da Deputación ourensá co respaldo de 14 de deputados, durante a sesión constituínte da nova Corporación provincial.

Despois que os deputados tomasen posesión, decidíase por unanimidade realizar unha votación secreta e en urna para escoller ao novo presidente. Ao cargo optaban, ademais de Baltar (en representación do PP) outros candidatos: o socialista José Ignacio Gómez Pérez, que lograba 8 votos, e Gonzalo Pérez Jácome (de Democracia Ourensana) que sumaba 2 votos. Ademais emitíase un sufraxio en branco.

Tras xurar o seu cargo, Baltar expresaba o seu agradecemento polos apoios recibidos, cunha referencia especial á súa familia. Destacaba despois que é o momento da política con maiúsculas para “seguir exercitando a palabra clave neste momento histórico: a cooperación. Cooperación para a recuperación económica, para o fornecemento social e para a solidez institucional, garante da estabilidade e do progreso”.

E engadía que a “política está en todo, pero non todo é política. E a política hai que explorala, é tamén un escenario no que se pode innovar, no que existe o emprendemento, un territorio onde cabe calquera proposta e no que o debate constitúe o mellor e máis san exercicio. Como propoñer eleccións directas ás deputacións provinciais ou cuestións como as que fixen públicas en materia de participación política cando falei de democracia substantiva”.

Ademais o presidente do goberno provincial matizaba que a política “non é só a política local. Non somos illas formamos parte dun sistema, dun contexto e dun escenario nacional e internacional con múltiples variables e equilibrios que inflúen nas decisións públicas. A perspectiva –unha cualidade inherente ao ourensán para entender realidades como Galicia, quizais por contar co punto máis alto da comunidade autónoma –Pena Trevinca con 2.127 metros-, a capacidade predictiva, a intuición política, as alianzas e estratexias non son alleas, senón máis ben constitúen parte fundamental, da dirección dos asuntos públicos. Por iso, por exemplo, temos que estar atentos ao Tratado de Libre Comercio entre a UE e USA, o máis ambicioso que se teña asinado nunca, estancado no Parlamento Europeo.

Apuntaba asemade que á hora de decidir publicamente hai que ter en conta cuestións macroeconómicas e microeconómicas, aludía á importancia da universidade, e a de “practicar e defender un discurso do territorio, do equlibrio territorial”. Tamén adiantaba que a súa folla de ruta será o Plan 15-19, con 77 medidas “que serán realidade moito antes das vindeiras eleccións locais que terán lugar o domingo 26 de maio de 2019. 77 e máis. Máis realidades pioneiras como o Clúster do Viño de Ourense ou con servizos cidadáns como o pagamento de tributos a través do teléfono, cuestión que será unha realidade en días”. Tamén incluirá plans de emprego e de apoio á natalidade. “Plans para os que contarei coas aportacións que se fagan chegar dende todos os grupos políticos dende xa”.

Esta nova Corporación provincial para o cuadrienio 2015-2019 está formada por 25 deputados dos cales, 17 son novos no cargo, o que supón unha renovación do 68% do pleno. Entre eles está o valdeorrés Juan Anta Rodríguez (PP), alcalde da Veiga. O outro representante desta comarca na Deputación será o socialista Miguel Bautista, que repite no cargo.

A sesión constituínte da nova Deputación, que se celebraba nun ateigado salón de plenos do Pazo provincial, contaba coa asistencia de numerosos representantes políticos e institucionais e dos ámbitos empresarial, cultural e social. Entre eles estaban, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro; o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e os ex presidentes da institución provincial José Luis Baltar e Eduardo Olano, así como deputados nacionais e autonómicos.

Texto: A.R./ Ourense        Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil

 

Os membros da nova Corporación provincial de Ourense

PP: José Manuel Baltar Blanco, Rosendo Luís Fernández Fernández, Jorge Pumar Tesouro, José Antonio Feijóo Alonso, Pablo Pérez Pérez, María Consuelo Vispo Seara, Manuel Doval Soto, Antonio Montero Fernández, Plácido Álvarez Dobaño, Monserrat Lama Novoa, Juan Anta Rodríguez, Teresa Cerdeira Valiñas, Ana Villarino Pardo e Miguel Antonio Cid Álvarez.

PSOE: Francisco José Fraga Civeira, Vicente Gómez García, Elvira Lama Fernández, Miguel Bautista Carballo, Isabel Gil Álvarez, José Ignacio Gómez Pérez, Adolfo González Nóvoa e Susana Rodríguez Suárez.

DO: Gonzalo Pérez Jácome e Armando Ojea Bouzo.

BNG: Ramiro Rodríguez Suárez.

Artigos relacionados

Back to top button