ConcellosQuirogaÚltima hora

Bancos do peregrino, sinalización e murais, entre as melloras turísticas realizadas en Quiroga

Ademais, creábase a ruta "Quiroga, Vila literaria" e renovábanse as páxinas web dos museos do municipio

 

A colocación de bancos no Camiño de Inverno, o mural da peregrina realizado na vila quiroguesa, a sinalización da ruta do Castro de Penadominga, a mellora da interpretación do pregamento de Campodola- Leixazós, a renovación das páxinas webs dos museos de Quiroga e a creación da ruta “Quiroga, Vila literaria” forman parte das melloras turísticas que o Concello de Quiroga solicitaba dentro do Plan de Sostibilidade do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Así, nestes días instalábanse cinco bancos en lugares estratéxicos do Camiño de Inverno ao seu paso polo municipio. En concreto os emprazamentos escollidos para colocalos eran Montefurado, O Castelo, Quiroga, Carballo de Lor e a Ponte de Barxa de Lor. Ademais de servir para o descanso dos peregrinos, este bancos son indicadores no Camiño de Inverno. Para comprobar a súa colocación achegábanse ata estes puntos o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e o concelleiro de cultura, José Luis Rivera.

No plan de sostibilidade, que rolda un orzamento de 80.000 €, está incluída a mellora dos paneis interpretativos que están situados no miradoiro de Campodola, a sinalización que se colocou na ruta circular do Castro de Penadominga, unha ruta acondicionada este verán polo Campo de Traballo da Xunta de Galicia e a brigada de incendios, aproveitando un antigo camiño que unía Bendollo con Vilar de Mondelo; e a renovación da páxina web do Museo Xeolóxico e do Etnográfico incluíndo máis contido.

O último proxecto incluído dentro deste plan é a creación dunha ruta literaria “Museo ao aire libre: Quiroga vila literaria”. Trátase dun recorrido por todos aqueles lugares do municipio nos que viviron escritores famosos. O proxecto incluirá a sinalización destas edificacións e a colocación de códigos QR, que permitirán en cada lugar escoitar audios de fragmentos das obras destes escritores.

Artigos relacionados

Back to top button