Unha muller sentada diante dunha máquina de coser cun gran sorriso e ultimando o que poderían ser os disfraces para os seus netos. É a imaxe do cartel do Entroido de Barbadás e a que se repite en moitos fogares nestas datas. Precisamente “homenaxear aos maiores” é a intención do artista gañador do certame de carteis, o murciano Rubén Alessandro Lucas García con esta obra inspirada na escultura do Parque dos Patos.
O xurado destacou a “gran calidade artística desta creación que leva por título A miña terra, ademais da representatividade do Concello de Barbadás na obra e a unión de diferentes xeracións”. O autor, que recibirá un premio de 500 euros, mostrou a súa ledicia por gañar o certame dun concello que coñece ben, xa que adoita veranear en Galicia e desfrutar da gastronomía de Barbadás e dos paseos polo Parque dos Patos, onde descansa a escultura de homenaxe aos maiores que inspira a súa obra.
Concurso de Mecos
O Concello de Barbadás quere premiar a creatividade de todos os veciños e veciñas que viven o espírito do Entroido. Por iso tamén convocou o Concurso de Mecos. Os interesados en participar poderán facelo ata o 2 de febreiro e os gañadores serán elixidos por votación popular. Establécense tres premios de 300, 200 e 100 euros.