DeportesÚltima hora

Barbadás prepárase para a Carreira Popular da Valenzá

A saída darase o 20 de maio e a organización espera superar os 400 participantes
O obxectivo deste ano é fomentar a participación entre os máis pequenos.

O núcleo urbano da Valenzá, en Barbadás, acollerá o 20 de maio a segunda edición da súa Carreira Popular. O pasado ano participaron 134 corredores, segundo fontes do Concello, e nesta edición esperan superar os 400 participantes. Esta carreira está enmarcada no calendario da Federación Galega de Atletismo.

En total haberá 11 categorías: biberóns (nados despois de 2011), benxamíns, alevíns, cadetes, xuvenil, sénior e 3 categorías de veteranos e absoluta. As probas dos máis pequenos comezarán ás 18:00 horas e iranse desenvolvendo progresivamente ata que comece a proba absoluta cara ás oito da tarde.

Dende o consistorio aseguran que este evento “tivo un gran impacto na zona”, sobre todo nos establecementos hostaleiros e no comercio local, xa que coincidiu cunha campaña de promoción comercial, algo que tamén pasará nesta edición porque o Concello organizou para esta fin de semana a “Noite Moucha” e o “Barbadás Street Food”.

Adrián Fernández, do Clube de Atletismo Natexx Maratón e organizador desta cita deportiva, apunta que entre os obxectivos da carreira está o de “fomentar o espírito deportivo e non tanto a competición, así como a alimentación saudable”. Este ano pretenden superar as cifras da edición pasada “orientando a carreira cara aos menores organizando paralelamente á proba, actividades lúdicas e inchables”, indicou Adrián Fernández.

A inscrición na proba é totalmente gratuíta.

Artigos relacionados

Back to top button