Non coñecía Valdeorras, nin o sector da lousa. Pero un día un amigo valdeorrés faláballe á fotógrafa Beatriz García (Madrid, 1979) desta zona e da súa actividade mineira. Estaba buscaba un tema para un proxecto de fotografía documental, así que empezou a documentarse e a visitar Valdeorras. “Quedei marabillada da comarca e das paisaxes que deixa a lousa, da súa importancia económica para Galicia e para España xa que é a principal produtora mundial, enganchoume a historia e empecei o proxecto”, conta.
Así nacía no 2015 o proxecto “Lousas” un ensaio fotográfico moi persoal da lousa, do seu proceso extractivo en canteira (a ceo aberto e en minería subterránea), así como da súa elaboración en nave, pero tamén un retrato dos homes e mulleres que traballan con esa pedra natural, do territorio e da sociedade valdeorresa, pola intensa vinculación que ten con este sector. “Téñense realizado proxectos máis fotoxornalísticos sobre a lousa, pero isto é fotografía documental, eu quería indagar no seu lado máis íntimo, abarcar máis o que conleva as paisaxes, as persoas que viven nelas… Por iso fun contactando primeiramente coas empresas do sector e logo, pouco a pouco cos seus traballadores, coa veciñanza para darlle á historia un punto máis íntimo e tamén centrarme na dicotomía que supón ser o motor de vida dunha comarca pero tamén cun impacto ambiental, quería darlle esa versatilidade”, comenta Beatriz García.
Outra das singularidades do proxecto é o tono azulado deste traballo fotográfico, imitando a tonalidade da lousa galega. “Quería que estivera impregnado dese azul da mellor forma posible, desa tonalidade”, matiza Beatriz García.
Unha selección das fotografías de “Lousas” pode verse ata o 11 de decembro na sala de proxeccións do primeiro andar da Fundación Luís Seoane da Coruña no marco do “FFoco. Festival de Fotografía da Coruña”. “Unha das cousas máis bonitas que me pasou foi que estando na sala vendo a proxección, vin como un home que viña co seu fillo lle estaba explicando ao neno, coas miñas fotos, que aquela era a casa do avó, O Barco, a lousa… Achegueime, díxenlle que era a autora e foi moi emocionante. Contoume que el era do Barco e vivía na Coruña e que os seus pais dedicáranse toda a súa vida á lousa e que ao ver que estaba este proxecto se achegara a velo co seu fillo para amosarllo, e que estaba moi emocionado. Iso encantoume, o proxecto funcionou porque o que pretendía era emocionar”.
Beatriz García é licenciada en Administración e Dirección de Empresas e tamén estudou na Escola Internacional de Fotografía PhotoEspaña (PIC.A) e en Blank Paper. En 2016 foi bolseira e seleccionada para Descubrimentos PHotoESPAÑA precisamente co proxecto “Lousas”, traballo co que un ano despois participou nas proxeccións “FotoNoche” do Centro de Arte de Alcobendas e foi finalista no XVIII Seminario de Fotografía e Xornalismo de Albarracín.
“Este traballo é tamén dos veciños de Valdeorras, é algo que fixen graza a eles, foron moitas as persoa que participaron”, destaca esta fotógrafa á que lle gustaría poder levar esta exposición a Valdeorras “para que puidera verse e desfrutarse na comarca dela”.
Fotos: Beatriz García.