O Club Adas do Barco continúan a colleitar bos resultados. Cinco dos seus atletas acudían o pasado venres 21 de agosto ao Ourense Termal Athletics Meeting 2020 na cidade das Burgas, á terceira cita no que vai de agosto, e no reencontro coa competición tras o confinamento polo Covid. Era ademais “o último gran test de cara a disputa dos campionatos de Galicia absolutos que poderemos seguir na Coruña a partir da vindeira fin de semana”, segundo a Federación Galega de Atletismo.
Nesta intensa xornada, marcada novamente polas medidas de control e seguridade do protocolo Covid da federación, un dos mellores resultados valdeorreses viña da man de Belén García, cun terceiro posto nos 400 m e unha marca de 1:00.67.
Destacaba ademais a actuación de Marcos Flecha, que melloraba o seu rexistro en altura, con 1,74 m e situándose moi preto da mínima nacional. “A idea sería nas vindeiras probas ir buscar esa mínima”, comenta Agustín González, presidente do Club Adas.
Na carreira dos 800 m participaba Inés Docampo, que melloraba o seu rexistro nela nunhas décimas, cunha marca de 2:26.61. Neste encontro ourensán debutaban nos 100 m Iria Taboadela e Lina Castro. “Ambas van collendo forma, tendo en conta que a preparación foi curta, pero aí estamos”, indica Agustín González, pensando xa no campionato galego.