PolíticaÚltima hora

O BNG de Ourense proponlle ao Concello facer que o 24 de febreiro sexa o “Día de Rosalía” na capital

Asemade, os nacionalistas elevaron dúas peticións máis a través de rexistro para que se axude á promoción da obra da escritora e a que se faga un acto de lectura pública da mesma neste día
A solicitude elevouse a través do Rexistro Xeral. // Foto: Carlos Asensio.

Este sábado, 24 de febreiro, celébrase o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, unha das autoras referencia da literatura galega e que “coa publicación do seu libro, ‘Cantares Gallegos’, marcou o rexurdimento e o inicio da recuperación da nosa lingua”. Así o dixo Luis Merca, presidente da executiva local de Ourense do Bloque Nacionalista Galego.

Dende a agrupación local nacionalista presentaron hoxe, 22 de febreiro, unha moción a través de rexistro xeral porque “cremos que as institucións teñen que facer algo, e nada mellor ca o Concello para que se leven a cabo”, dixo Merca.

Así, dende o BNG elevaron ao consistorio da capital unha serie de acordos “para que adopten certas medidas para conmemorar a memoria de Rosalía de Castro”.

Entre ditas propostas está, por un lado, declarar o día 24 de febreiro como o “Día de Rosalía de Castro” no Concello de Ourense. A segunda, é a de “emprender accións e apoialas” que axuden a promover a obra da escritora “e que impliquen á veciñanza de Ourense”, explicou o nacionalista. Finalmente, que o propio día 24 fágase “unha lectura dun anaco da obra rosaliana” e que sexa un acto no que “se xunten os escolares e centros educativos e persoas destacadas pola súa actividade cultural”. Neste senso, Luis Merca recalcou que “parécenos relevante que isto se perpetúe para xeracións vindeiras”.

Asemade, dende o BNG de Ourense amosaron o seu apoio á proposta do colectivo Rosalauria, que no seu día propuxeron que a pasarela que une o Centro Comercial co barrio da Ponte levase o nome de Rosalía de Castro. “Parécenos o momento oportuno para que a autora teña o seu nome e relevancia na cidade”, dixo Luis Merca.

 

Artigos relacionados

Back to top button