PolíticaÚltima hora

O BNG de Vilamartín recolle sinaturas para pedir que se cubra a xubilación do médico do Centro de Saúde

De non ter unha resposta positiva ante esta demanda, plantexarán novas mobilizacións a mediados de mes

Tendo en conta que “dende a Xunta de Galicia non se deu unha resposta do que acontecerá dende a xubilación dun dos dous médicos deo Centro de Saúde de Vilamartín, ao tempo, tendo constancia de que a día de 1 de setembro en Vilamartín soamente teremos un médico”, o BNG deste municipio valdeorrés vén de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas entre os veciños para “esixir que se manteña o servizo nas mesmas condicións das que se veu desenvolvendo ao longo deste tempo”, tal e como se informa dende esta organización política.

“Temos clara que esta situación é unha consecuencia da deriva de desmantelamento dos servizos sanitarios de Valdeorras e da nosa área sanitaria, ademais de ter a certeza de que coa mobilización dos e das veciñas, seremos capaces de obrigar ao partido que se di “popular” a dar marcha atrás nesta decisión”, aseguran dende o BNG de Vilamartín.

Inciden asemade en que “somos conscientes da necesidade de ter dous médicos en Vilamartín, sobre todo tendo en conta a dispersión e o envellecemento deste concello, polo que non pretendemos quedar na simple recollida de sinaturas e no caso de que a mediados de mes non teñamos unha resposta positiva, procederemos a planear as mobilizacións que sexan precisas para recuperar os servizos públicos que precisamos”.

Tamén se lembra que o BNG ten presentado xa no Parlamento galego varias iniciativas “nas que se preguntaba pola situación na que quedaba o Centro de Saúde de Vilamartín de Valdeorras e instando á cobertura de dita xubilación”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button