ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O burro subastado en Viana irá para Santiago

Á poxa tan só se presentaba a Asociación Vacaloura Santuario Animal, que se levaba ao asno polo prezo simbólico dun céntimo de euro

No mediodía do 7 de setembro o salón de plenos de Viana do Bolo acollía un acto pouco habitual: a poxa dun animal. En concreto, subastábase un burro que un veciño de Ramilo, Severino, atopaba tres días antes vagando por ese pobo vianés. Tras dar aviso ao Concello, esta entidade local trataba de comprobar se o animal estaba identificado e tiña dono. Ao non estar identificado, o animal considérase mostrenco e ante esta situación o Concello de Viana optaba por realizar unha poxa pública do mesmo “como xeito de preservar a súa vida e para que fose un proceso máis áxil e rápido”, tal e como sinalaba o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández.

Procedíase á subasta e tan só concurría a Asociación Vacaloura Santuario Animal, que se levaba o animal polo prezo simbólico dun céntimo de euro. Tras o acto, a presidenta desta entidade, Inés Trillo, comentaba que o burro irá para Santiago de Compostela. Tamén comentaba que esta asociación “é un refuxio de animais antiespecista, o cal quere dicir que respectamos a todas as especies por igual, valorando o que é o criterio para respectar a alguén e a súa capacide de sentir, tanto dor como pracer, temos máis de 160 animais de máis de dez especies diferentes, provintes dende o abandono, do descarte dalgunha explotación gandeira de sitios varios, sempre de abandono e maltrato”.

Trillo comentaba que é o segundo animal procedente da provincia de Ourense do que se fan cargo en apenas unha semana. “Rescatamos a semana pasada outro burro tamén do concello de Monterrei, e aí o trámite foi bastante máis sinxelo porque nos fixeron a cesión directa do animal”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button