DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O C.D. Barco sube ao 2º posto da clasificación trala vitoria ante o Cultural Areas

Os de Javi Rey vencían 5-1 en Calabagueiros, na xornada 11 de terceira división

Imparable. O equipo sénior do Centro de Deportes Barco vén de sumar tres novos puntos que o suben ata o segundo posto da clasificación, trala vitoria ante o Cultural Areas.

Cun dominio do xogo por parte dos locais, era David Álvarez quen adiantaba ao seu equipo no marcador, no partido disputado na tarde do 22 de outubro. Corría o minuto 9 e Calabagueiros poñíase en pé. Vinte minutos despois Cassio marcaba de cabeza e xa rozando o descanso Mitogo facía o terceiro, recibindo unha grande ovación do público.

A cousa non quedaba aí e na segunda parte David volvía marcar para o Barco: o cuarto gol no 50′ e o quinto no 62′. Xa no tempo de desconto Imanol marcaba en propia meta e o Areas sumaba un tanto quedando o marcador co 5-1 final.

Un gran partido para os rapaces de Javi Rey que suman sete xornadas sen perder, con tres vitorias consecutivas. Ademais é o equipo con máis goles a favor (23) e menos en contra (5) no que vai de liga.

A próxima cita para os barquenses será no campo da UD Somozas (7º clasificado).

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button