
En Quiroga xa está todo preparado para que mañá pola tarde as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visiten a vila cun amplo percorrido por diferentes instalacións e coa tradicional cabalgata antes de escoitar as peticións de toda a rapazadano Auditorio Municipal.
No programa desta visita está previsto achegarse ata o poboado do Toucedo, ao Centro de Día da Ribeira, á casa consistorial e á Residencia da Terceira Idade
A visita deste ano terá un marcado punto solidario, xa que dúas das paradas que realizarán os Reis Magos serán unha para entregarlle agasallos aos nenos máis desfavorecidos do municipio e a outra para darlle agasallos aos nenos e nenas que por mor da guerra de Ucraína tiveron que acollerse en Quiroga.
Ás sete e media da tarde está previsto que comece o desfile da comitiva cos Reis Magos ao longo da rúa Real, dende a Casa da Cultura ata o Auditorio Municipal. Neste último lugar será onde Melchor, Gaspar e Baltasar escoiten as peticións de todos os nenos e nenas que se acheguen a falar con eles para recordarlles o que queren para esa noite ao pé da súa árbore de Nadal.
E finalmente, os asistentes que o desexen estarán convidados a chocolate con churros.