SanidadeÚltima hora

Cambios no sentido de circulación dos viais do Hospital de Ourense polo inicio das obras

A nova circulación terá un sentido único, rodeando o perímetro do centro hospitalario, con saída cara a rúa Cruceiro Quebrado o que axilizará o tráfico internos, segundo informa o Sergas

 

Mañá mércores entrará en funcionamento a nova reordenación do tráfico de vehículos arredor do Hospital Universitario de Ourense, o que posibilitará o avance das obras para a construción do novo edificio de hospitalización, que se construirá axunto ao Materno Infantil.

A novidade máis salientable nesta reordenación é que o sentido da circulación pasará a ser totalmente circular arredor do centro hospitalario, o que axilizará o tráfico de vehículos e, polo tanto, evitará os viais de dobre sentido. A entrada ao recinto hospitalario será, coma sempre, pola rotonda principal da rúa Ramón Puga e a nova saída será a través da rúa Cruceiro Quebrado pasando por diante do novo edificio de hospitalización. No que respecta á circulación o redor do Hospital Santa María Nai permanecerá invariable.

Polo tanto, a partir de mañá mércores, a entrada de vehículos cara o novo edificio de hospitalización a través da rúa Cruceiro Quebrado queda totalmente prohibida e o devandito vial cambiará definitivamente o seu sentido de circulación. No transcurso do día de hoxe martes procederase ao pintado dos viais e ao cambio de toda a sinalización vertical para que o novo circuíto estea operativo desde ás doce horas desta noite.

Con respecto ao circuíto das ambulancias e do transporte sanitario autorizado, disporán dun vial propio, para poder deixar e recoller aos pacientes, que discorrerá paralelo ao edificio cirúrxico e que terá saída única ao carón do servizo de farmacia.

Peche definitivo do vial interno

Esta reordenación do tráfico levará consigo a clausura definitiva do vial interno, entre o edificio Cristal e o novo edificio de hospitalización, e facilitará o peche perimetral do recinto da zona de obras para dar comezo nos vindeiros días a primeira fase das obras de construción do novo edificio de hospitalización.

A finais de esta semana, unha vez pechado o vial interno, procederase a acometer dúas actuacións de gran complexidade como supón o derrubo da antiga pasarela metálica, que unía o edificio Cristal co Materno Infantil, e da rampa exterior das antigas urxencias. Unha vez completadas estas dúas actuacións quedará despexada definitivamente a zona onde irán situados os futuros cimentos do novo edificio.

Entran en funcionamento o novo molle de carga e o punto limpo

Mañá mércores entra en funcionamento o novo molle de carga e descarga que está situado diante do edificio cirúrxico, ao carón de aparcadoiro de persoal, que comunica directamente cunha galería subterránea de recente construción que percorre transversalmente o Edificio Cristal. Esta nova superficie de 250 metros cadrados permitirá o achegamento das mercadorías e dos subministracións necesarias para o día a día do Hospital Universitario de Ourense.

Tamén a vindeira semana entrará en funcionamento un punto limpo, ao carón do novo molle, que contará con cinco compactadoras para o tratamento do lixo xerado no Hospital. Este novo recinto de reciclaxe de lixo e residuos terá unha superficie total de 500 metros cadrados.

Artigos relacionados

Back to top button