O economista, enxeñeiro, ensaísta e político galego Camilo Nogueira Román recibirá o vindeiro 26 de xuño o Premio Trasalba que todos os anos concede a Fundación Otero Pedrayo a “unha personalidade destacada no galeguismo”. No acto, o encargado de pronunciar a correspondente laudatio será o escritor Suso de Toro, que en 1991 publicou o libro de conversas “Camilo Nogueira e outras voces”. A Fundación, pola súa banda, publicará un libro-homenaxe ao galardoado.
Para concederlle o premio, a Fundación valorou “a personalidade de toda unha vida entregada á causa de Galicia, da súa identidade nacional e cultural”, salientando de xeito especial “a vocación e compromiso europeísta de Camilo Nogueira, na mellor tradición dos homes da xeración Nós e, máis en concreto, de Ramón Otero Pedrayo”, tal como adiantan dende a Editorial Galaxia.