CulturaCulturaÚltima hora

“Camiñamos para parar. Camiño de Inverno”, unha iniciativa con selo artístico para impulsar esta ruta

Neste proxecto os debuxantes Miguelanxo Prado e Rita Sabler recrean as paisaxes do Camiño de Inverno mediante ilustracións que plasmarán en forma de postais

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaban na presentación do proxecto “Camiñamos para parar. Camiño de Inverno”, o cal se levou a cabo co apoio de Bodegas Rectoral de Amandi. Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o proxecto ten como finalidade a promoción do Camiño de Santiago a través da ollada de dous artistas de renome, Rita Sabler e Miguelanxo Prado que están a percorrer o Camiño de Inverno dende o pasado día 1 ata o día 9 de setembro. Ambos plasmarán, mediante postais realizadas in situ, as sensacións ou sentimentos que lles provoquen os espazo no que se encontren, mesturando pasado e presente.

Ademais das citadas postais, rexistraranse tamén paradas para debuxar a través de fotografías e vídeos nas redes sociais e, posteriormente, realizar unha exposición con todo o material resultante no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela dentro do Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, na que os visitantes poderán camiñar entre esas postais vendo os debuxos e as reflexións dos artistas.

Ademais, neste proxecto repartiranse 300 postais en branco entre as persoas que atopen e que desexen acompañalos neste traballo, para debuxar unha postal e mandarlla a alguén especial, buscando a transmisión do sentido do Camiño como un espazo de reflexión, de análise, de comuñón cun mesmo e cos que nos rodean.

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia valorou positivamente a iniciativa, indicando que “o Camiño é un dos grandes atractivos para todo tipo de artistas. A riqueza das súas contornas, a arte que o rodea, a gastronomía e por suposto a amabilidade do pobo galego fai deste itinerario un espazo perfecto para levar a cabo calquera tipo de manifestación artística e dar a coñecer internacionalmente unha das xoias da nosa terra”.

Artigos relacionados

Back to top button