CulturaCulturaÚltima hora

Camiñando de Ourense a Santiago a través da música coral

O I Encontro de Agrupacións Vocais no Camiño de Santiago comeza o 8 de xullo na Igrexa Santa María Nai de Ourense
Manuel Doval, María del Carmen González e Antonio Fernández.

O Camiño de Santiago ao seu paso por Ourense encherase de música coral coa celebración do “I Encontro de Agrupacións Vocais no Camiño de Santiago”, que celebrará o seu primeiro concerto o día 8 de xullo, ás 20:30 horas, na Igrexa de Santa María Nai, onde actuará o grupo Aqua Música e, como coro invitado, a Coral Camino de Santiago de Ayegui, de Navarra. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar hoxe, 5 de xullo, no Pazo Provincial, acto ao que acudiron o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o presidente da Coral Aqua Música, Antonio Fernández; e a directora do proxecto “Voces no camiño de Santiago”, María del Carmen González.

O deputado provincial de Cultura dixo que se trata “do comezo dunha longa viaxe deste proxecto que pretende que a cultura estea presente na vida dos cidadáns de toda a provincia a través da música”, e engadiu  que “cremos que é importante dinamizar os territorios da nosa provincia, nesta ocasión nas zonas polas que transcorre o Camiño de Santiago”.

María del Carmen González explicou que a idea deste proxecto xurdiu cando “decidimos facer o Camiño de Santiago cantando, a partir de aí pensamos que era boa idea poñer en valor a existencia do Camiño de Santiago en Ourense, así como a música e todo aquilo que enriquece a nosa provincia”.

“O proxecto parte coa idea de facer soamente concertos dentro do Camiño de Santiago por Ourense e os intercambios soamente son con coros de calquera dos Camiños de Santiago de España e temos varios modos de participar, ou ben co coro que veña invitado de fóra, ou se hai coro no concello que tamén participe e sempre claro o noso coro Aqua Música”, engadiu a directora.

Os concertos ofrecerán música sacra por realizarse maioritariamente en Igrexas, pero tamén incluirán música do Camiño de Santiago.

Artigos relacionados

Back to top button