A Fervenza, A Aceña, O Forno, A Aira do Fondo, A Fonte, O Lavadoiro, A Aira do Teso, A Escola, A Aira do Pico, A Aira do Santiago e A Aira dos Bolos. Son as paradas do percorrido que propón a Rede Etnográfica de Soulecín (O Barco de Valdeorras), unha iniciativa que nacía dos veciños, coa intención de “crear un arquivo da memoria onde coñecer máis detalles sobre a historia e a tradición da aldea”. Así o indicaban na mañá deste xoves 8 de maio, durante a presentación do proxecto xeral e tamén da primeira actividade vencelleada á rede, o I Camiño dos Fornos e das Airas de Soulecín, que terá lugar o 7 de xuño.
Dende a Asociación de Veciños de Soulecín e coa colaboración do Concello do Barco, decidían crear unha rede “coa ilusión de establecer un itinerario pola aldea, útil tanto para a veciñanza como para os visitantes, para coñecer e sobre todo non esquecer, os lugares e historias máis representativas” e tal como explicou Ángel Álvarez en representación da asociación veciñal, hai un folleto xenérico que conta cun mapa e despois varios trípticos individuais de cada un dos lugares de interese onde se describen os usos e costumes “que hoxe forman tradición e queremos protexer”. Dende o Cavorco de Navedo coa súa Fervenza; a Aceña, un lugar entre Vilariño e Soulecín rodeado de misterio; o Forno comunal recentemente restaurado; ou a Aira do Fondo que conta a histoira da guerrilleira Chelo; ata o Lavadoiro; ou a Aira do Teso que leva á Escola, reconvertida en centro sociocumunitario.
Para contribuír a “manter viva a memoria destes lugares”, dende o concello decidían sinalizalos. Para iso “organizamos un obradoiro de cartelería no que se involucrou todo o pobo xunto ao artista local Spoonbini”, explica a concelleira de Turismo, Alba Rodríguez, indicando que de aí nacía a idea de dalos a coñecer e poñelos en valor co I Camiño dos Fornos e das Airas de Soulecín que conta coa implicación de todos os veciños.
Neste evento que comezará ás 13:30 horas e tal como adiantou Ángel, haberá tapas salgadas entre as que estará a empanada de maravallas e doces, regadas con viños de Valdeorras e estará amenizado por cantos de taberna e foliada. Para esta primeira edición os puntos de degustación serán dúas airas e tres fornos, un comunal e dous privados “que puxeron a disposición da Asociación, rematando todos xuntos na praza con queimada ao son dun grupo valdeorrés”.

Á presentación deste interesante iniciativa tamén acudían varios veciños de Soulecín e o alcalde do Barco, Alfredo García, quen asegurou que será un éxito como “todos os eventos que se fan a partir da iniciativa popular e coa implicación dos veciños”, polo que dende o Concello “lles damos as grazas por recuperar o pobo que é do que se trata”.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.



