EconomíaEconomíaÚltima hora

Campaña formativa sobre o uso seguro do tractor en centros de FP de Xinzo e Ribadavia

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participou no deseño da campaña, incluída no plan nacional de prevención de riscos no sector agrario

 

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está a desenvolver actividades formativas en centros de Formación Profesional das catro provincias para concienciar sobre o uso seguro do tractor. A campaña parte da idea de sensibilizar desde a base, aos futuros profesionais das explotacións, sobre a necesidade de facer un uso seguro desta maquinaria e provela de estruturas de protección e cintos de seguridade.

O Issga levará as xornadas formativas a dez centros de FP de concellos das catro provincias, tendo xa empezado polo CFEA Alta Montaña de Becerreá (Lugo), o IES de Arzúa (A Coruña), o EAFG Fonteboa de Coristanco (A Coruña) e o IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia.

Nas próximas semanas a campaña recalará no IES Antón Alonso Riós de Tomiño (Pontevedra) o 21 de marzo; un día despois no CFEA de Sergude en Boqueixón (A Coruña) e na Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro en Ribadavia (Ourense); o 24 de marzo no IES da Terra Chá José Trapero Pardo de Castro de Rei; e os días 28 e 30 de marzo, no CFEA de Monforte de Lemos (Lugo). A última das sesións programadas está prevista o 5 de abril no CIFP A Granxa de Ponteareas (Pontevedra).

Segundo datos do Observatorio Estatal de Condicións de Traballo (OECT) do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) o principal axente material asociado aos accidentes en xornada laboral na actividade agrícola e gandeira é o tractor. O envorco é unha das causas que poden desembocar nas consecuencias máis graves e mesmo mortais se non se toman as medidas apropiadas de seguridade.

82 accidentes laborais de tractor en Galicia

Durante o ano pasado (datos provisionais) rexistráronse en Galicia 82 accidentes laborais de tractor, 2 deles mortais, e a maioría, o 90% de tipo leve. Os sinistros mortais ou con lesións de maior gravidade débense principalmente a ausencia de estrutura de protección e de cinto de seguridade. Tamén a unha nula ou mala utilización destes sistemas.

O Plan nacional de sensibilización en prevención de riscos laborais no sector agrario centra a súa primeira campaña á concienciar sobre o envorco do tractor co lema A túa vida, sen voltas. O Issga contribuíu ao seu deseño como integrante do grupo de traballo da Comisión Nacional que elaborou o plan.

A iniciativa súmase ás numerosas campañas despregadas polo Issga nos últimos anos para concienciar, sobre todo á poboación rural, tamén á non profesional, para que incorpore as medidas de prevención no manexo do tractor para evitar accidentes na súa contorna e de circulación nas vías públicas.

Artigos relacionados

Back to top button