Preto do medio cento de arqueiros de 16 clubs, danse hoxe cita na Rúa para participar no Campionato galego 3D de tiro con arco organizado polo club Arqueiros do Sil.
A competición, na que os arqueiros teñen que completar un circuíto na zona do Aguillón co encoro de fondo, disparando as frechas a figuras de animais a diferentes distancias, comezaba en torno ás 10 horas baixo unha forte chuvia que duraba ata ben entrada a mañá, despois paraba e ata saía o sol.

Os participantes chegaban dende os clubs Arqueiros Ártabros, Arco Barco, Gen Águilas Verdes, Arco da Vella, Arco Xeve, Arqueiros do Barbanza, Boa Vila, Arcocelta, Cachamuíña, Iadovi, Os Irmandiños, Lumelar e Meigarco, sendo o xove Lucas o único representante do club anfitrión, Arqueiros do Sil. En total facíanse 12 patrullas de 4 arqueiros en función da modalidade.
As eliminatorias serán pola tarde, seguidas das finais no campo de tiro e rematando a xornada coa entrega de premios (trofeos creados por Arqueiros do Sil).
Para a organización desta competición que chega a Valdeorras por primeira vez, o club contou coa colaboración da Federación Galega de Tiro con Arco e do Concello da Rúa, entre outros. Velando pola seguridade, a Policía Local da Rúa e coma sempre voluntarios de Protección Civil da Rúa, Larouco, Petín, O Barco, Manzaneda, Trives, O Bolo e Viana.
Fotos: Mónica G. Bellver.