As persoas que o vindeiro mércores 6 de decembro se acheguen ata a feira de Viloira (O Barco) poderán escoitar un “Cantar de Cego” interpretado polo regueifeiro Luís Correa “O Caruncho” (no papel de cego), acompañado por Chus Iglesias (no papel de guía).
Cantará tres pezas: un cantar de cego do repertorio d’O Caruncho, o Romance do Pergamiño composto para a ocasión (diante dun panel ilustrado por Luis Dávila, autor de O Bichero) e a sétima cantiga de Martín Códax musicada. En Viloira haberá un total de tres pases a partires das 11 horas.
Esta iniciativa cultural enmárcase no proxecto expositivo do Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Vigo. A Universidade de Vigo difúndea por toda Galicia a través deste cantar de cego especialmente composto para a ocasión.
Datado, segundo algunhas fontes, a mediados do século XIII e outras a finais do XIII ou principios do XIV, o Pergamiño Vindel é o documento orixinal das sete cantigas de amigo do poeta Martín Códax, nas que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar. Xunto ás cantigas de amor de Dom Dinís, é a única mostra atopada, ata o momento, da lírica galego-portuguesa.