Con música polos bares. Así remataba a xornada do sábado 27 de xaneiro na Rúa, tras unha multitudinaria e animada Festa do Codillo que celebraba a XV por todo o alto.
O apartado músical foi importante en todo o programa, coa actuación da rondalla Trovadores de Ames no acto de recoñecementos no Centro Cultural Avenida; da charanga Phenosa no xantar popular no pavillón con fin de festa a cargo de disco show Danzalia; e tamén cos cantos de taberna e concertos en varios locais de hostalaría que poñía o broche á festa.
Un total de sete agrupacións (Abertal da Rúa, Os Parrandas de Córgomo, Recantos de Quiroga, Taboucas de Amoeiro, Macizas Centrais de Trives, Candaira de Castrelo do Val e Pándega de Valdeorras) que percorrían pola tarde e noite catorce establecementos hostaleiros da vila, animando o ambiente máis alá do pavillón. Nalgúns locais apostaban polos seus propios concertos.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.