OurenseÚltima hora

A capital garda silencio en repulsa dos atentados de Barcelona e Cambrils

Diferentes personalidades da capital e varios cidadáns acudiron á Praza Maior para amosar a súa solidariedade coas vítimas do terrorismo
A Corporación Municipal e outras personalidades gardaron silencio diante do Concello. // Foto: Carlos Asensio.

A Corporación Municipal de Ourense e diversas personalidades da capital concentráronse hoxe, 18 de agosto, ás 12:00 horas para facer cinco minutos de silencio en repulsa dos atentados acaecidos en Barcelona e Cambrils no día de onte. Entre os asistentes non estivo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, xa que está de vacacións e por iso presentou as súas condolencias a través dun chío no twitter.

 

Chío de Jesús Vázquez. // Fonte: Twitter.

Pero non só as personalidades públicas da cidade se achegaron até os pés do edificio consistorial na Praza Maior. Máis dunha ducia de persoas acudiron tamén a este punto neurálxico da capital para manifestar o seu apoio ás vítimas e a súa repulsa do terrorismo.

Máis dunha ducia de persoas achegáronse até a Praza Maior para amosar o seu apoio ao pobo catalán. // Foto: Carlos Asensio.

Así, o tenente de alcalde José Araújo, asegurou que con este acto “demostrouse que a cidadanía está contra o terrorismo”. Reiterou que “España está unida para loitar contra esta lacra” e mandou un “abrazo moi forte” ás familias das vítimas e “moito ánimo” ao pobo catalán.

Tamén o líder da oposición, Gonzalo Pérez Jácome, condenou estes atentados: “é unha barbarie que esperemos que non se repita, temos que acabar con esa lacra que parece interminable”, asegurou. O líder de Democracia Ourensana manifestou tamén o seu apoio ao pobo catalán. Pola súa banda, o voceiro do Grupo Municipal Socialista, José Ángel Vázquez Barquero, amosou tamén a súa solidariedade co pobo catalán e apelou á unidade política “para loitar en contra o terrorismo” e asegurou que “non nos podemos dobregar ante quen pretende alterar a vida normal dos cidadáns”.

Finalmente, a edil de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, quixo pór en valor o traballo das forzas e corpos de seguridade “que cremos que actuaron ben e rápido” e ademais mandou os seus parabéns á cidadanía de Barcelona “que actuaron moi á altura axudando ás feridas e abarrotando os hospitais para doar sangue”. A edil asegurou que “este é o raio de esperanza que tivo un día tan terrible como o de onte”.

Pero neste minuto de silencio tamén estiveron presentes outras personalidades ourensás da política nacional, como foi o caso de Celso Delgado, deputado do PP no Congreso pola provincia. Delgado lembrou que “onte dende o Congreso dos Deputados expresamos, todas as forzas políticas, a nosa repulsa a estes actos terroristas” e asegurou que “non nos vamos a render xa que vitoria é a democracia”.

CEO

O Presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal, tamén acudiu a este acto e falou en nome de todos os empresarios para “presentar a nosa solidariedade coas vítimas”. O presidente da patronal ourensá asegurou que só coa unidade do pobo español “poderemos acabar con esta lacra que é o terrorismo”.

Asemade, segundo un comunicado enviado pola Policía Nacional, o Goberno decretou tres días de loito oficial “con motivo do criminal atentado terrorista”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button