OurenseÚltima hora

Carmen Penim presentará no Liceo de Ourense o seu traballo en solitario adicado ás mulleres

O concerto de “Herdeiras” será o 28 de novembro a partires das 20:30h.
A cantante e compositora Carmen Penim.

No marco dos actos polo 25 de novembro, Día Contra a Violencia Machista, do Concello de Ourense, Carmen Penim presentará no Liceo o seu traballo Herdeiras.

A cantante e compositora xa presentou neste espazo os anteriores traballos co dúo 2naFronteira, como o disco Zapatiños para Díaz Castro no 2014 ou Sons de Nós, que foi estreada en 2016. Tamén co Concello de Ourense ten colaborado con anterioridade no ciclo “A voz da pedra”, con catro concertos no Nadal do 2015 nas igrexas da cidade. Agora presenta en solitario o seu traballo máis recente, un libro-disco centrado na memoria e a identidade da muller.

Con este traballo, Carmen quixo “homenaxear a mulleres anónimas que resistiron como heroínas en situacións de extrema dureza. Mulleres valentes que comezaban a construir unha sociedade máis xusta para elas e cuxos nomes quedaron sepultados polo pó da historia, como sucede con frecuencia, só polo feito de seren mulleres”.

O concerto será o mércores 28 de novembro a partires das 20:30h. e nel a cantante estará acompañada polo seu pianista Maurizio Polsinelli e a violoncellista Margarida Mariño. Completará o reparto, a bailarina Xiana Vilas.

Artigos relacionados

Back to top button