SanidadeÚltima hora

Carta da Asociación Galega de Celadores de Institucións Sanitarias

En Galicia a diario desempeñan o seu labor en hospitais e centros de atención primaria preto de 3.000 celadores. Ademais, no ámbito do SERGAS para a cobertura das ausencias do devandito persoal derivadas das distintas situacións administrativas que se xeran (excedencias, baixas por enfermidade, vacacións, permisos, etc.) atópanse anotados/ as nas distintas áreas sanitarias a través das correspondentes “listas de contratación” ao redor de 6.000 persoas, que poden ser chamadas en calquera momento para desempeñar unha actividade para a cal non foron formados previamente.

A día de hoxe o único requisito formativo esixible para acceder á categoría de celador/a, é un anacrónico e obsoleto Certificado de Escolaridade, no cal non están reguladas obviamente, as tarefas específicas e cotiás de atención directa ao paciente, entre as que podemos citar: trasladar pacientes críticos, colaborar nun quirófano co persoal médico e sanitario (neste servizo o/a celador/a debido ao alto grao de complexidade do mesmo necesita un nivel de coñecemento moi elevado sobre o funcionamento xeral da área cirúrxica e particularmente dos propios quirófanos, pois entre outros moitos labores: sitúa ao paciente na mesa de intervencións na posición adecuada dependendo do tipo de intervención, seguindo a pautas establecidas polo persoal médico, en moitos casos participando activamente na atención de situacións de urxencia vital na que a vida do paciente corre perigo).

O celador/a é unha parte moi importante dos distintos equipos multidisciplinares existentes nos centros sanitarios (hospitais, centros de saúde ou Puntos de Atención Continuada (PAC), recepciona, traslada e mobiliza a pacientes nun servizo de urxencias, auxilia ao persoal facultativo nunha sala de autopsias, colabora co persoal sanitario no aseo e mobilización de enfermos nas unidades de hospitalización e nas propias unidades de críticos onde se atenden, entre outros, a pacientes lesionados medulares, politraumatizados, grandes queimados, neurocríticos, por citar algúns exemplos.

Tamén dentro das tarefas que desenvolve o celador nos centros sanitarios figuran outros labores que non teñen unha atención directa ao propio paciente tales como, traslado de documentación, mostras, material diverso, aparellos ou equipos, recepción, clasificación e distribución no almacén de subministracións, puntos de información, sendo o primeiro contacto que o usuario ten cando acode a recibir atención nun hospital.

O 19 de Xaneiro de 2.012 publícase no B.O.E a Cualificación profesional ““TRASLADO Y MOVILIZACIÓN DE USUARIOS/AS Y/O PACIENTES, DOCUMENTACIÓN Y MATERIALES EN CENTROS SANITARIOS”. O que fose publicada a norma, non implica que se implantase na nosa comunidade autónoma, sendo a día de hoxe o “boca a boca” entre celadores/ as veteranos/ as e noveis, case o único método de aprendizaxe existente en hospitais e centros de atención primaria. Incluso a propia formación continuada ofrecida nos hospitais (cursos de formación, talleres formativos ou implantación de protocolos de actuación) segue estando reservada e coutada principalmente para o persoal sanitario, sendo insuficiente para a nosa categoría profesional e máis se temos en conta as tarefas tan importantes que desenvolvemos.

 

Imaxe da campaña da AGACIS.

 

Aos celadores, a pesar desempeñar unha actividade tan importante, estásenos negando a posibilidade dunha formación teórico-práctica máis que necesaria. Desde a Asociación Galega de Celadores de Institucións Sanitarias ( AGACIS) consideramos que unha profesión con tales cometidos, debe estar baixo o amparo dunha formación regrada previa, na que tal e como se cita na publicación estatal, existan uns módulos formativos que regulen as actividades nas diferentes áreas onde este profesional leva a cabo a súa actividade, así como módulos prácticos tutelados previos ao desempeño directo da actividade, todo iso co obxectivo de mellorar nas nosas competencias, factor que redundará sen dúbida, na atención ao enfermo e na súa seguridade.

Con dita petición, non estamos a solicitar cobrar máis, nin aumentar ou minorar os nosos labores, simplemente desexamos prestar un quefacer acorde ao que a realidade sanitaria demanda e o paciente merece. Co único fin de concienciar á poboación sanitaria e non sanitaria, da necesidade formativa de devanditos profesionais, comezamos unha campaña divulgativa polos hospitais galegos que esperamos teña o fin merecido, para pacientes e celadores/ as, e que non é outro que conseguir unha mellora na calidade asistencial dos usuarios do noso servizo de saúde.

Asinado:
Asociación Galega de Celadores de Institucións Sanitarias (AGACIS)

Artigos relacionados

Back to top button