En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Case 170 ciclistas toman a saída no Bolo, na IV BTT Ruta do Viño de Valdeorras

 

A primeira saía do Barco, a segunda de Vilamartín, a terceira da Rúa e a cuarta do Bolo. Na mañá deste domingo 20 de outubro, cun tempo sorprendentemente estable, sen chuvia e ata cálido, celebrábase nas terras do concello do Bolo a IV edición da BTT Ruta do Viño de Valdeorras coa participación de 167 ciclistas chegados dende diferentes puntos de Galicia. O 55% da comarca e o resto de lugares como A Coruña, Pontevedra, León, Vigo e a cidade de Ourense.

 

 

 

 

O punto de partida desta proba, non competitiva e promocional das zonas vitivinícolas da comarca valdeorresa, era o pavillón deportivo municipal do Bolo onde a vicepresidenta da Ruta do Viño, Montserrat Rodríguez, acompañada polo alcalde Alberto Vázquez e parte da corporación municipal, e polo director da Axencia de Turismo de Galicia Xosé Manuel Merelles, daba a benvida aos participantes.

 

 

 

“Trátase dunha ruta emocionante sobre dúas rodas por diferentes enclaves singulares deste concello”, dixo Monserrat, lembrando a orixe da iniciativa no ano 2021 co obxectivo de amosar o “moito que ten esta comarca, con singulares recursos paisaxísticos e patrimoniais, a través dunha proposta que combina deporte e promoción turística”.

 

 

Pola súa banda Xosé Manuel Merelles animou aos asistentes a descubrir “un dos concellos máis bonitos, non só de Valdeorras senón de toda Galicia, atravesando zonas de bosque e viñedos, tendo a oportunidade de coñecer os viñedos probablemente máis poderosos do godello que está neste momento no cumio do mundo como un dos brancos máis afamados”, dixo, antes de proceder ao corte da cinta e comezar os 46 km da ruta longa e 36,5km da curta, pasando por Outar de Pregos, Lentellais, Santa Cruz, Valbuxán, Vilaseco, Chao do Castro, Celeirós, Valdanta, Paradela, Corexido e Fornelos, con varios puntos de avituallamento e regresos de novo ao Bolo.

 

 

Coma sempre, velando pola seguridade dos participantes, tanto na saída como durante o percorrido, están membros das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil do Bolo, A Rúa ou Manzaneda.

 

 

Fotos e vídeos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button