
Era unha antiga demanda que finalmente vén de facerse realidade. A castaña, un froito de fondo arraigo e peso económico na Galicia interior, vén de incluírse na lista de produtos subvencionables que poden elixir os colexios dentro da campaña de consumo de froitas frescas na escola.
O anuncio facíao a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, coincidindo coa apertura desta campaña, na visita que realizaba o 30 de novembro ao Centro Público Integrado (CPI) Fonte Díaz, en Touro, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.
Esta era unha petición histórica por parte da comunidade ao Goberno central, que este ano aceptou incluír no real decreto sobre a aplicación en España da normativa da Unión Europea en relación cos plans escolares de consumo de froitas, hortalizas e leite, a castaña como produto elixible para o programa español, segundo se indica dende Medio Rural. “Ademais de contribuír a unha alimentación equilibrada, apoiamos tamén unha industria en auxe na nosa comunidade coma a dos castiñeiros de froito”, sinalaba Ángeles Vázquez.

A través desta iniciativa a Consellería do Medio Rural, en colaboración coa de Sanidade e a de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria, pretende educar aos máis pequenos na importancia dunha alimentación equilibrada. Galicia vén participando neste plan dende a súa creación en 2009 a través dunha resolución de axudas para cada curso escolar.
Cada ano, os centros interesados increméntanse dende os 123 de 2009 ata os 340 da última campaña. Neste curso 2016/2017 está previsto superar os 400 centros educativos (a falta de pechar todas as solicitudes) cos que se chegaría a máis de 88.000 nenos e nenas de entre 3 e 16 anos, xa que inclúe as etapas de Infantil, Primaria e Secundaria, segundo Medio Rural.
A orde de axudas para executar esta campaña de 2016/2017 contou cun orzamento de 317.200 euros. O 75% do orzamento procede do Fondo Agrícola de Garantía (Feaga) e o 25% restante é abonado pola Xunta de Galicia. O importe máximo de axuda para cada centro é de 0,25 euros por alumnos e día lectivo, ata un máximo de 20 días.
A axuda concédese a todas as froitas frescas con excepción do tomate, da lima e do limón, que están incluídas na definición do Código Alimentario Español (CAE) e agora tamén a castaña.