ConcellosÚltima hora

O Castiñeiro de Soutogrande (Vilariño de Conso) e o do Oreal (Viana), novas árbores senlleiras de Galicia

Tamén se incorpora a este catálogo galego o Cerquiño de Queguas de Cortes da Carballeira-Queguas (Entrimo)
Castiñeiro de Soutogrande en Vilariño de Conso.

O Diario Oficial de Galicia (DIG) vén de publicar a resolución pola que se incorporan ao Catálogo de Árbores Senlleiras seis novos exemplares, tres deles ourensáns. Trátase do Castiñeiro de Soutogrande (Vilariño de Conso) e do Castiñeiro de Oreal de Edroso (Viana do Bolo). Ademais inclúese neste catálogo ao Cerquiño de Queguas de Cortes da Carballeira-Queguas (Entrimo).

O Catálogo de Árbores Senlleira de Galicia integra aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.

O Castiñeiro de Soutogrande ten unha altura de 13 metros e un espectacular perímetro na base de ata 12 metros, un dos maiores valores rexistrados en Galicia. Localízase á beira da estrada no acceso ao pobo de Soutogrande, Vilariño de Conso, no inicio da ruta europea da castaña. Esta ruta, que discorre entre as comarcas de Conso Frieiras e Monterrei, pretende dar a coñecer o sistema de aproveitamento da castaña nunha zona na que se produce máis do 30% da castaña recollida cada ano en Galicia.

 

Castiñeiro de Oreal en Edroso (Viana do Bolo).

No lugar de Edroso, concello de Viana do Bolo, localízase o Castiñeiro do Oreal, cunha unha altura de 12,5 metros e tamén cun perímetro excepcional, que neste caso chegaría aos 14 metros. Do tronco totalmente oco deste exemplar, no que se observan grandes protuberancias e deformacións, medran tan só as catro grosas pólas que non foron cortadas, o que lle confire a estrutura característica dos castiñeiros sometidos a este sistema de aproveitamento.

 

O Cerquiño de Queguas de Cortes da Carballeira-Queguas (Entrimo).

Finalmente, o Cerquiño de Queguas, ou rebolo, supera os 16 metros de altura, e o seu perímetro é de 4,75 metros. Localízase no lugar de Cortes de Carballeira, Concello de Entrimo, onde é un dos elementos principais do conxunto que forma cunha pequena capela e os restos de numerosas pallozas de pastores en pleno Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Ademais deste impresionante exemplar de cerquiño, outras dúas árbores desta especie xa estaban incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras: o Rebolo da Praza do Campo de Quindous (Lugo) e o Rebolo do Pazo da Pena, en Manzaneda (Ourense).

A resolución publicada no DOG tamén incorpora cinco novas formacións, entre elas o Souto da Rubial de Parada (Folgoso do Courel).

Artigos relacionados

Back to top button