O Concello de Castrelo de Miño convértese no epicentro do remo galego da man da Federación Galega deste deporte. É a tendencia que se marcará nos vindeiros meses, coa formalización do acordo asinado entre ambas institucións co obxectivo de dinamizar o parque náutico do municipio. Deste xeito, a federación será un novo operador con sede permanente neste enclave.
O concello porá a disposición da federación as instalacións públicas municipais, que serán orientadas á celebración de competicións, adestramentos, concentracións e cursos de formación de técnicos e árbitros. Tamén se planea desenvolver aquí campañas de promoción da práctica deportiva de remo entre os escolares da comarca do Ribeiro.
O acordo foi suscrito o pasado sábado 22 de abril polo alcalde, Xurxo Rodríguez Méndez, e polo presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas Galán.