
O Concello de Castrelo do Val ampliará o parque infantil da área recreativa do Terrón, próxima ao centro multiusos do concello. Estas obras terán un custo aproximado de 48.000€ dos cales 33.900€ proveñen dunha subvención da Xunta de Galicia e o resto de fondos municipais.
A ampliación da zona de xogos realizarase no curso do mes de agosto e está previsto que se rematen antes do día 30 de outubro. En palabras do alcalde, Vicente Gómez: “co remate destas obras, a zona do Terrón convértese nunha gran área de lecer, con bancos, zona verde arbolada, zona de xogos tradicionais e infantil, ao que hai que sumarlle as mellores no propio centro multiusos e a pista da pádel”.
A reforma súmase a outras iniciativas municipais destinadas á mellora da zona tales como o cambio do teito do pavillon cunha subvención da Deputación de Ourense e o acondicionamento da zona de lecer mediante o Plan Hurbe. Dende o goberno municipal, o rexedor destacou que esta remodelación “engade aínda máis valor a unha área na que se están a desenvolver notables melloras”.