A Policía Nacional celebraba en Ourense o 2 de outubro o día dos Anxos Custodios, o seu patrón. Tras a celebración relixiosa, tiña lugar un acto no Auditorio de Ourense no que se entregaban dúas Cruces ao Mérito Policial con Distintivo Branco, unha Cruz á Dedicación ao Servizo Policial, unha Medalla á Dedicación ao Servizo Policial e un Recoñecemento á Colaboración Institucional. Neste acto participaba o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, que felicitou a Josefina Ulloa, Xefa da unidade de Extranxería da subdelegación do Goberno, que recibiu unha Medalla e o Recoñecemento á Colaboración Institucional.
Ao acto tamén asistiron, entre outras autoridades, Juan Cástor Vázquez Salgado, Comisario Xefe Provincial do Corpo Nacional de Policía, Miguel Ángel Santalices Vieira, Presidente do Parlamento de Galicia, Gonzalo Pérez Jácome, Alcalde do Concello, Luis Menor Pérez, Presidente da Deputación Provincial, Eva Regueiro Rodríguez, Fiscala Xefa da Audiencia Provincial e Rafael Berguillo Esquina, Comandante Xefe Interno da Garda Civil.
Emilio González destacou que Ourense “se atopa dentro das provincias máis seguras do noso país”. Agradeceu ao Corpo Nacional de Policía o “traballo incansable que desenvolvedes cada día pero especialmente o realizado este ano para velar polo correcto e seguro desenvolvemento dos procesos electorais que tivemos”. Pediulles que seguiran co esforzo de baixar a criminalidade na provincia para seguir cun ambiente seguro e agradable e por tentar erradicar comportamentos que nacen do machismo e da desigualdade para que ningunha muller volva a ser asasinada en consecuencia destas actitudes machistas.