OurenseÚltima hora

Ceo e Inorde colaboran para introducir na venda en liña a dez empresas da provincia

O proxecto, que xa conta con empresas interesadas de sectores como veu, queixo, cosmética natural ou agricultura ecolóxica, era presentado esta mañá no marco da Mobile Week

 

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e o Inorde colaboran nun proxecto para facilitar que empresas ourensás teñan acceso a un Marketplace como Ankorstore e poidan vender nel os seus produtos de maneira conxunta, pero a través dunha conta individual nesta plataforma.

A iniciativa xurdiu nas sesións de traballo do proxecto de dixitalización do sector vitivinícola, desenvolto nos últimos meses para adegas da provincia, e pretende optimizar a súa saída ao exterior a través desta canle, xestionando unha única conta para a venda dos produtos de 10 empresas, que serán seleccionadas tras unha serie de webinarios de sensibilización que terán lugar neste mes de setembro.

Ankorstore autodefínese nas súas canles como ‘o ecosistema que permite a marcas e comercios independentes crecer’. Trátase dun Marketplace, unha localización dixital onde comprar e vender produtos, a solución para dixitalizar as canles comerciais e internacionalizar as vendas nun mesmo paso e unha mesma localización. A día de hoxe Ankorstore é a maior plataforma europea para marcas retallistas e ofrece ás pemes a posibilidade de acelerar o proceso de dixitalización, incrementar as vendas e explorar novas oportunidades de negocio.

Presentación na Mobile Week

O foro de tecnoloxía Mobile Week Ourense foi o escenario para presentar este proxecto, e para iso Marisol Novoa e Emma González introduciron o relatorio das expertas que falaron sobre marketplaces. A presidenta da CEO destacou a estreita colaboración co Inorde para o desenvolvemento de proxectos deste tipo, do que destacou como finalidades ‘ampliar canles de venda e explorar novos territorios comerciais para empresas ourensás con potencial para a venda a través deste tipo de plataformas’. Pola súa banda, Emma González resaltou ‘o encaixe deste proxecto cos obxectivos do Inorde de impulsar a dixitalización das empresas para que empreguen as ferramentas que ofrecen as novas tecnoloxías para a súa internacionalización’.

 

 

O relatorio posterior correu a cargo de Gloria Gea e Cristina Martínez, de Redflexión Consultores, que falaron da visión xeral dos marketplaces e a optimización dos produtos neles; mentres que Nina Veiras, de Ankorstore, explicou ao detalle este ecosistema que permite crecer ás marcas e comercios independentes.

As empresas e asistentes puideron coñecer as estratexias para optimizar produtos nestas plataformas, a proposta de valor de Ankorstore e os beneficios que ofrece ás marcas ourensás, así como cal é o perfil do comprador europeo nestes mercados virtuais, que busca e que valora dun produto ou marca e os exemplos de casos de éxito.

Obxectivos do proxecto

O principal obxectivo desta iniciativa non é outro que concienciar ás empresas ourensás da importancia de ter unha presenza optimizada e estratéxica nos denominados Marketplaces para conseguir internacionalizar os seus produtos apoiándose en 3 piares básicos: rendibilidade, posicionamento de marca e escalabilidade do negocio.

Outros fins que persegue a iniciativa, relacionados co mencionado, é axudalas a ampliar as súas canles de venda e a explorar novos territorios comerciais a través dunha plataforma que lles axude a crecer. Igualmente, as empresas seleccionadas poderán acceder a unha comunidade dixital B2B onde compartir as mellores prácticas e xerar unha nova visión dos seus negocios, o que contribuirá a optimizar e modernizar a cadea de subministracións.

Con esta proposta, tanto a CEO como o Inorde queren apoiar activa e eficazmente a transformación dixital do tecido comercial e empresarial ourensán a través dun proxecto innovador que lles axude a reinventar a venda dotando ás marcas de tecnoloxía intelixente. Unha vez implantada, as empresas conseguirán oportunidades comerciais, ademais de construír un ecosistema dixital, global, sostible, moderno e integrador.

Fases e calendario

Esta iniciativa conxunta de CEO e Inorde está destinada á participación de 10 empresas ourensás, que serán identificadas e seleccionadas de sectores como agroalimentario, téxtil ou cosmética natural, actividades con recoñecido potencial de venda a través deste tipo de plataformas. Tras a presentación de hoxe, realizaranse outras sesións informativas sobre o proxecto ás empresas ourensás para que coñezan estas canles e as estratexias para optimizar os seus produtos neles, ademais do rendemento e as vantaxes que ofrecen ás marcas ourensás. A partir da difusión, recompilarase a información que envíen as empresas interesadas en participar no proxecto, que será analizada co fin de seleccionar ás participantes, en función da súa idoneidade e do cumprimento dos requisitos que a plataforma establece. Ademais, deberán ter unha liña de produtos apta para comercializar a través de marketplaces.

As empresas interesadas teñen ata o 20 de setembro para adherirse a esta
iniciativa, e para principios de outubro prevese que os produtos das seleccionada estean subidos á plataforma.

As empresas seleccionadas participarán en sesións individuais co fin de definir obxectivos e estratexias. A continuación, realizarase a implementación e posta en marcha da tenda en liña en Ankorstore, que recibirá seguimento e xestión durante o primeiro ano por parte do proxecto, para proporcionarlles soporte activo, procura de clientes, así como actualización e optimización da propia tenda dixital.

Artigos relacionados

Back to top button