Exactamente serán 88 os participantes que rodarán os 565,13 km do 49 Rallye de Ourense-Ourense Termal (49ROU) esta fin de semana, dos cales unha trintena serán pilotos locais. O prazo remataba o día 8 ás 20h e a día de hoxe xa hai lista oficial na que figuran os principais favoritos ao título do Campeonato de España de Rallyes sobre Asfalto, encabezados polo líder provisional, Cristian García, tras vencer en catro das cinco probas celebradas até o momento.
O segundo clasificado, Pedro Burgo, cambiará o Peugeot 208 T16 R5 co que participou nos dous últimos rallyes polo seu habitual Porsche 911 GT3 2010. Unha unidade moi similar coa que tamén se inscribiu Iván Ares, gañador da anterior edición do Rallye de Ourense e outro dos favoritos, xunto a Sergio Vallejo (Citroën DS3 R5) ou Alberto Monarri (Mitsubishi Lancer Evo X). Ademais, a proba tamén é puntuable para as Copas Clio R3T European Trophy, Suzuki Swift e Dacia Sandero Rallye Cup.
Entre os participantes locais destaca a presenza de Javier Paz, que volta a Ourense cun Ford Fiesta R5 de RMC, ou Iago Silva co seu Peugeot 208 VTi R2, aínda que non faltarán outros habituais das últimas edicións como Toño Gómez, Luis Aragonés, Juan Carlos Villanueva ou Celso Freire.
O 49 Rallye de Ourense tamén contará coa participación de dous corredores do veciño país de Portugal: serán Edgar Duarte Reis Silva, que correrá cun Porsche 997 GT3, e Gaspar Pinto, que fará o propio cun BMW E46 M3.
En canto a equipos, son doce os inscritos por Escudería Ourense, aínda que tamén haberá numerosa representación das escuderías locais Barbadás, Luintra e Talleres Martínez Racing de Verín. Completan entre todos eles case un tercio dos 88 participantes que compoñen a lista oficial.
Foto: Gonzalo Belay