ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

“Cesteando” con Toño do Val

Este traballo abría o ciclo de cinema documental incluído nesta edición de “De Perto” no Barco

“Os cestos son arte, pero tamén historias vivas”. É unha das frases coas que Toño do Val (ou Toño Cesteiro) se presenta no inicio do documental “Cesteando”. Este traballo, dirixido por Plácido Romero, percorre a traxectoria vital e creativa deste cesteiro natural de Medeiros (Monterrei). E é precisamente nesta localidade onde comeza o relato.

Con “Cesteando” abríase o ciclo de documentais relacionadas co rural incluídos nesta edición de “De Perto_Espazos da a Cultura” no Barco. Esta proxección tiña lugar na Casa Grande de Viloira e comezaba cunha presentación da man do técnico de Cultura barquense, Gustavo Docampo. De seguido tomaba a palabra o produtor da peza, Aser Álvarez, quen a describía como “unha película moi fermosa, a historia dun home auténtico”. Logo, apagábanse as luces e Toño comezaba a contar a súa historia.

A seguinte cita co programa “De Perto” será unha das principais novidades desta edición. Trátase dunha actuación de flamenco da man do Isaías Salazar Trío. Está prevista para as 22:30h. ao pé do Castelo do Castro.

Fotos: Ángeles Rodríguez

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button